A Mariña 29, novembro, 2018. O deputado popular Daniel Vega considera que “a ampliación do Hospital da Mariña responde á promesa dos populares e amosa o compromiso de Feijóo coa sanidade pública e os veciños e veciñas da comarca”. O popular pon así en valor o investimento dun total de 20,5 millóns de euros por parte da Xunta neste centro hospitalario
A primeira fase do proxecto de ampliación contou cunha achega de 10,5 millóns de euros para aumentar a superficie do centro hospitalario en 6.000 metros cadrados e incrementar a súa carteira de servizos. Pero, a este investimento hai que engadir outros 2 millóns de euros para o seu equipamento. A segunda fase, que está previsto iniciar antes do 2019, conta cun orzamento de 8 millóns de euros.
O popular incide no “incremento e mellora dos servizos sanitarios do Hospital Público da Mariña” que gaña máis espazo na área cirúrxica e de hospitalización con 28 novas habitacións dobres, contará cunha nova zona de consultas externas con 33 locais de consultas dos especialistas, dúas salas de endoscopias dixestivas, unha sala de técnicas cirúrxicas ambulatorias -hospital de día-, un gabinete para cardioloxía, unha nova área de oftalmoloxía con 10 locais con material completamente renovado, ademais da mellora no espazo do hospital de día oncolóxico. “Con esta reforma tamén se mellorou a área de Farmacia hospitalaria dotada con modernos medios electrónicos para almacenamento, así coma as instalacións de atención”, engade Vega.
As obras da segunda fase de mellora do Hospital da Mariña impulsadas pola Xunta de Galicia permitirán remodelar os espazos interiores do edificio antigo, a zona de hospitalización e das áreas cirúrxicas; ademais de reformar a área de diálise, do hospital de día médico e a área administrativa. Tamén se modernizarán as 30 habitacións actuais e se crearán novos locais de consultas externas e gabinetes de exploracións.
Daniel Vega recorda que o Executivo autonómico “ten presentes as demandas dos veciños e veciñas en relación á mellora do centro hospitalario da Mariña e os seus servizos”. Así, a Xunta ven incrementando dende o 2012 a súa carteira de servizos de forma notable. Algúns exemplos son a implantación de tres equipos de Hospitalización a domicilio- Coidados Paliativos, da unidade de retina de oftalmoloxía, do hospital de día oncolóxico ou da segunda sala de endoscopias que permite facer máis probas e reducir os tempos de agarda.
Novos servizos extra-hospitalarios
A comarca da Mariña vese beneficiada tamén doutros servizos extra-hospitalarios implantados nos últimos anos. Nese sentido, o deputado popular mariñán recorda a ambulancia medicalizada con base permanente no Centro de Saúde de Foz que presta servizo as 24 horas ou o programa de retinografías en atención primaria implantado nos centros de saúde de Viveiro e Burela e que beneficia a nove concellos da Mariña lucense.