Foz, 27 de novembro de 2018. Diante do acontecido en días pasados no asilo de Foz, o BNG considera moi grave o que vén acontecendo neste centro residencial nos últimos anos, pois ao derrube producido súmanse as deficiencias sufridas polos maiores alí residentes, como por exemplo a falta de auga quente, a falta de calefacción, as humidades, a filtración de auga desde o teito…
“Unha vez máis, e desgraciadamente neste caso, chove sobre mollado”, afirman desde o BNG que continúan dicindo “o PP e Castiñeira, coa súa incompetencia, puxeron en risco a seguridade dos maiores”.
ASILO E RESIDENCIA, O EXEMPLO DA DESASTROSA XESTIÓN DO PP EN FOZ
A formación nacionalista centrou as súas críticas na desastrosa xestión que Castiñeira e o PP están a realizar nun tema tan serio como é a apertura da nova residencia e o mantemento das instalacións do actual asilo, instalacións que contan con aportacións económicas do concello, pero que a pesar diso seguen deteriorándose.
“Non é de recibo que a estas alturas a residencia nova siga pechada”, di o BNG.
A INCOMPETENCIA DESTE GOBERNO DO PP EN MINORÍA É O NOSO PAN DE CADA DÍA EN FOZ
O BNG fixo fincapé tamén noutros desastres da xestión do goberno do PP en minoría, como por exemplo no acontecido tamén en semanas pasadas nas obras das rúas peonís, con gravísimos trastornos e molestias para veciños e comerciantes, onde moitos dos traballos parecían máis propios de Pepe Gotera y Otilio ou Manolo y Benito, onde o alcalde, nunha clara deixación de funcións non tomou as medidas oportunas para controlar o traballo das empresas con eficacia e eficiencia.
CASTIÑEIRA, MÁIS PREOCUPADO DE VENDER FUME ELECTORAL QUE DE SOLUCIONAR PROBLEMAS
A formación nacionalista achaca o desastre de xestión do goberno do PP en Foz ao afán electoralista de Castiñeira, máis dedicado á venta de fume que a atender ás necesidades das o dos veciños, e poñen como exemplo tamén o anuncio feito a primeiros de novembro polo rexedor, dicindo que o auditorio ía financialo integramente a Xunta, e despois, chegou Feijoó e dixo que só ía financiar una terceira parte, isto é outra proba do pouco compromiso do PP con Foz.
“Para nós é igual qué administración financie o auditorio, o caso é que se faga, pero o que non aceptamos é que nos tomen o pelo como llo tomaron ao Alcalde”, afirman desde o BNG.