Ribadeo, 23 de novembro de 2018. O colexio ribadense Sagrado Corazón de Jesús celebra durante este curso escolar os seus 50 anos nas actuais instalacións con diversas actividades, que empezarán o vindeiro martes, día 27.
A dirección do centro explica que “o Colexio Sagrado Corazón de Jesús cumpre 50 anos na súa actual ubicación da rúa Carlos III nº 4. Hai xa 120 anos que as Fillas da Caridade chegaron á vila de Ribadeo para prestar os seus servizos no Hospital Asilo, onde improvisaron unha aula para aprender a ler e escribir ás nenas. Ao aumentar o número de alumnas foi necesario buscar un lugar máis axeitado para impartir as clases. Unha casa doada por unha familia, na rúa Trinidade, converteuse en colexio feminino, no ano 1918, ata que nos anos 60, e ante á necesidade de reformar o edificio, constrúese o actual colexio da rúa Carlos III, que abre as súas portas en setembro do 1969. Desde ese momento son moitos os alumnos e alumnas que se educaron nas súas aulas. Queremos convocar a todos e cada un deles, a cantos formaron parte da Comunidade Educativa ao longo destes 50 anos, aos actos que neste vindeiro 2019 se van celebrar para conmemorar a data: exposicións, concertos, conferencias, … formarán parte das actividades que pretender reunir ao maior número de persoas que nalgún momento estiveron vinculadas ao centro”.
Os responsables do Sagrado Corazón anuncian que “o punto de partida será o próximo martes, 27 de novembro, festividade da Virxe Milagrosa. Este día na Eucaristía das 20:00 horas terá lugar a presentación oficial por parte da directora titular do centro e despois actuará o coro do colexio. Desde aquí reiteramos a nosa invitación a todas as persoas interesadas en asistir a este acto e a todos os que seguirán ao longo do ano 2019”.