Barreiros, 23 de novembro de 2018.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de realizar unha nova actuación de mellora no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros, onde nas últimas datas se procedeu a cambiar a caldeira existente por outra nova.
O investimento neste proxecto foi de 11.670 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se levou a cabo no marco do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora de centros educativos.
A Consellería dota así ao colexio dunha instalación renovada e continúa a traballar no mantemento e mellora deste CEIP, no que a Xunta tamén procedeu este ano ao pintado exterior dun dos edificios ao amparo do mesmo programa.
O delegado territorial apuntou que a Administración autonómica fai un seguimento continuo das demandas e necesidades dos centros de ensino da provincia de Lugo para acometer progresivamente as accións precisas e dotalos de infraestruturas axeitadas e dos medios necesarios.