Ribadeo 22-11-18. O meu nome é Sandra e son a fisioterapeuta do SaDi de Ribadeo.
Non vou a empregar neste escrito ningunha fórmula de cortesía porque estas letras saen desde a dor máis profunda.
Infórmanme ontes que a Consellería de Política Social impídenos participar, secundar e apoiar calquer campaña en relación ao 25N (Día Internacional da Erradicación da Violencia hacia as Mulleres, Día para a Erradicación das Violencias Machistas), que non sexa a campaña institucional da Xunta de Galicia.
En primeiro lugar quero contarche a qué lle dices NON:
– Dices NON a un proxecto transversal e en equipo que leva xestándose tres meses ca colaboración e participación de TODA a comunidade na que desenrolamos a nosa actividade cotiá.
As violencias machistas son unha preocupación da cidadanía en xeral. Máis aínda debería ser preocupación das persoas que ocupamos postos de responsabilidade política ou técnica en calquera nivel da administración; e é desde o ámbito local, onde accedemos, por cercanía, aos espazos donde se desenrola a vida cidadá.
– Dices NON a un proxecto inclusivo desde todos os puntos de vista: na linguaxe, na diversidade funcional, na interxeneracionalidade.
– Dices NON a unha intervención terapéutica de máximo nivel centrada nas persoas maiores.
Empregamos a linguaxe de signos como ferramenta non só de comunicación e transmisión; empregámola para potenciar capacidades físicas, visuais e espaciais, a memoria, o ritmo, a psicoafectividade.
As persoas usuarias do SADi de Ribadeo interactuaron, acadaron un enriquecemento persoal, un fortalecemento social na comunidade
– Dices NON á profesionalidade, pois como técnica deste centro teño a obriga de establecer actuacións que maximicen as aptitudes vitais das persoas usuarias.
Teño a obriga de prover intervencións para mellorar o benestar da persoas maiores usuarias.
Teño a obriga de facilitar un marco para a autoestima da persoa usuaria e da súa familia.
Dices NON a todo o anterior.
E agora permíteme que desde o punto de vista técnico che transmita o meu sentir e parecer.
Eu actúo CON e PARA as persoas maiores.
No código deontolóxico da Consellería de Política Social sinálase o valor do compromiso, da satisfacción, da implicación, do orgullo de pertenza. Todo o anterior inclúe o acto e o vídeo creado para o día 23.
Un NON á participación é un freo á humanidade, á sensibilidade e á cooperación.
Un NON é un freo ao traballo en rede, é un freo a sumar é un illamento imposto.
Non se pode poñer freo a un proxecto no que se invertiron enerxía e ganas para que nos beneficiemos tod@s
E engadirei algo máis, decir NON é violencia. Violencia porque se está a empregar a forza, neste caso xerárquica para dominar e para impoñer algo.
Este NON é un recorte de independencia, autonomía e liberdade.
Estou a poñer as vidas no centro, as vidas das mulleres e tamén as vidas das persoas usuarias,que empregaron a canción da Porta Violeta para pintar, conversar, partillar, aprender, bailar, cantar,; acompañámonos e coidámonos durante todo o proceso.
Porque neste proxecto é o SaDI de Ribadeo, as súas persoas maiores, os que son o eixo central para mobilizar, desde un punto de vista interxemneracional e intersectorial.
Son as persoas maiores o motor, con este NON freas a súa capacidade de decisión, autonomía, a súa ilusión. Freas a súa independencia e as súas posibilidades.
Este Non tomado desde un despacho non está a valorar o factor humano, é unha decisión sen empatía, totalmente insolidario
O NON da Consellería resta, e non é momento de restar, porque AS VIOLENCIAS MACHISTAS son unha lacra social na que temos a obriga de sumar.
Este ano 2018 contabilízanse 52 mulleres, 2 nenos e 5 nenas asasinad@s .
Rebélome contra esta imposición irracional e de tintes políticos.
Fdo. Sandra Saavedra Blanco
E NON, CALADA NON ESTOU MÁIS GUAPA