Viveiro, 20.11.2018. O Espazo +60 Afundación, a Obra Social de ABANCA, de Viveiro acollerá mañá, mércores 21 de novembro un encontro interxeracional estruturado en dúas partes. En primeiro lugar, as nenas e nenos de infantil do Colexio Landro participarán nunha clase de ximnasia de mantemento xunto ás persoas socias. A continuación poderán visitar unha mostra realizada a partir da colección que, desde 2004 e ata 2007, foi ampliando Santiago Ferro, socio do Espazo +60 Afundación Viveiro. Esta exposición de 465 coches a escala 1/43 permanecerá aberta desde o 21 de novembro ata o 5 de xaneiro, e está conformada por modelos das marcas Seat, Ford, Citroën, Renault e Volkswagen, así como de coches antigos, autobuses de Inglaterra e furgonetas de repartimento dos anos sesenta e setenta.
As iniciativas enmárcanse na oferta de actividades da Área de Envellecemento Activo de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que permite ás persoas participantes atopar nesta etapa vital novas oportunidades de medrar persoalmente, de seguir formándose, en contacto cos temas emerxentes e achegando activamente á sociedade, ao tempo que se goza de boa saúde.