Lugo 19-11-18. Dende o Partido Socialista na Provincia de Lugo queremos amosar as nosas máis sentidas condolencias a todos os veciños e veciñas do Concello de Viveiro polas terribles inundacións acontecidas durante a xornada de onte, que ademais das numerosas perdidas materiais, por desgraza, provocaron o falecemento dunha muller no barrio de Xunqueira. Nestes momentos difíciles e de enorme dor, os socialistas queremos achegar unha mensaxe de consolo aos familiares e achegados da vítima.
Queremos transmitir o noso ánimo e solidariedade a todos eses lucenses que viviron o desastre producido polas intensas choivas desta fin de semana, ocasionando incontables danos en casas, rúas, comercios, cortellos… de varias zonas do municipio mariñán. Dende o PSOE Provincial ofrecemos o noso apoio ao Concello de Viveiro para paliar canto antes este terrible infortunio. Nestas ocasións é cando de verdade vese a implicación e a axuda mutua entre veciños e veciñas co fin de reparar os danos dos núcleos afectados, mobilizándose e sendo un exemplo de unión e forza.
O Partido Socialista tamén quere agradecer o esforzo e o labor dos servizos de emerxencia locais, provinciais e autonómicos que están traballando sen descanso nas tarefas de rescate.
Esta desgraza vivida no Concello de Viveiro ten que ser un punto de inflexión á hora de elaborar políticas responsables co noso medio ambiente. Os grupos políticos e a sociedade en xeral debemos reflexionar e empezar a falar, en serio, do cambio climático e as súas consecuencias. Necesitamos madurez e responsabilidade, por iso, acompañados de expertos na materia, temos que deseñar e aplicar proxectos de ordenación territorial a largo prazo. É unha realidade que non se pode negar e coa que temos que traballar para evitar que sucedan situacións similares á de Viveiro.