Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2018. A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) levará a cabo un taller formativo sobre a factura eléctrica en Ribadeo. A actividade ‘E ti, canto aforras na factura da luz?’, impartida por técnicos da asociación, terá lugar este xoves, 22 de novembro, na Casa do Mar, ás 19:30 horas.
As persoas asistentes poderán resolver as súas dúbidas sobre as distintas modalidades de contratación de electricidade, o novo bono social, as diferenzas entre o mercado regulado e o libre, como aforrar na factura eléctrica e outras cuestións relacionadas coa subministración eléctrica. O único requisito para participar é o de levar unha factura o día da actividade.
Esta organización, consciente da complicación que representa coñecer os mecanismos de funcionamento do sector eléctrico e en vista do progresivo aumento das reclamacións dos consumidores nesta materia; quere axudar á cidadanía a comprender a factura eléctrica para garantir os seus dereitos como consumidores. A normativa complexa, a terminoloxía, os cambios constantes no sector … son algunhas das cuestións que xeran confusión nas persoas consumidoras, por iso existen moitas dificultades para interpretar cuestións tan simples como coñecer con que compañía contratamos a electricidade.
Esta actividade está patrocinada polo programa ‘Dálle luz a túa factura’ dependente da Xunta de Galicia a través do IGCC (Instituto Galego do Consumo e da Competencia) e contou coa colaboración do Concello de Ribadeo. O obradoiro fai parte dun proxecto máis amplo que levará ás técnicas e técnicos da UCGAL por varias localidades galegas.