LUGO .- O delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, fóra dos asuntos da orde do día, que a Deputación de Lugo, á vista das últimas comunicacións vertidas á prensa polos profesionais médicos do Hospital de Burela criticando o sistema de xestión única que a Consellería de Sanidade pretende implantar, defende, igual que o ratificou nun acordo de goberno en setembro, “que se manteña o mapa sanitario actual, respectando as áreas da Mariña e Monforte, para que os cidadáns destas comarcas non perdan servizos na súa zona”.
Antonio Veiga explicou que a raíz das noticias que se poden ver na prensa, “a contestación social a esta decisión da Consellería de Sanidade a respecto de concentrar as áreas sanitarias é cada vez maior e percíbese como o PP se está quedando só na defensa do seu modelo sanitario”. Veiga foi contundente ao remarcar que “desta volta, ao igual que se está vendo nas xuntanzas das plataformas na defensa dos servizos sanitarios en Burela e Monforte, foron os facultativos sanitarios do Hospital de Burela quen falaron, se cadra das voces máis acreditadas para falar do problema, e instaron nesa carta aberta á conselleira Pilar Farjas a que manteña o sistema de xestión sanitaria tal cal está por ser o que mellor acae ás necesidades dos usuarios das comarcas lucenses”.
Por iso, lembrando a postura adoptada polo goberno da Deputación en setembro, Veiga afirmou que “o goberno galego non se pode seguir con esta política de recorte de servizos públicos” e que “a conselleira de Sanidade debería explicar no Parlamento por que continua mantendo a súa posición a pesares da contestación social que recibiu desde o mesmo momento do anuncio da supresión das áreas sanitarias comarcais”.
Asuntos do día
Dentro dos asuntos do día da Xunta de Goberno, o delegado da Área de Cultura da Deputación deu conta da aprobación e concesión de subvencións a asociacións culturais e deportivas pola realización de actividades en 2008. En total, Antonio Veiga explicou que recibirán subvención correspondente ao 2008 sete asociacións culturais por un importe de 7.721,72 euros, e 21 asociacións e clubs deportivos por un importe de 48.967,67 euros.