Mondoñedo, 11 de novembro do 2018. O grupo municipal do BNG no concello de Mondoñedo denuncia que os veciños e veciñas dos lugares de Estelo e Tronceda da parroquia dos Remedios están sen rede de telefonía fixa e móvil e sen conexión a internet desde fai máis de quince días. Os nacionalistas acusan ao goberno municipal de Elena Candia de seren incapaces en todo este tempo de tomar as medidas necesarias para resolver o problema de cobertura na zona.
-MAIS DE 15 DÍAS SEN COBERTURA E 22 VECIÑOS E VECIÑAS AFECTADAS-
O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, apunta que este é un problema que se arrastra desde o pasado temporal de choiva e vento de finais do mes de outubro, “a falta de conexión causa moitos problemas na vida diaria dos veciños e veciñas do lugar xa que están totalmente incomunicados”, e esixe que o goberno popular faga as xestión necesarias para o inmediato restablecemento do servizo.
“Non é de recibo que as 22 familias que viven en Estelo e Tronceda teñan que saír fora dos seus núcleos de poboación a buscar cobertura para poder chamar a un médico ou falar cos seus familiares”.
-DEFENSA DOS DEREITOS DOS CONSUMIDORES E USUARIOS-
Eloi Cabanas pídelle á alcaldesa que atenda os problemas reais dos veciños e veciñas e engade ademais que o goberno municipal debe instar á Xunta para que desprace persoal do Instituto Galego de Consumo para atender e asesorar nas tramitacións de todas as reclamacións particulares ante a empresa subministradora, “Hai que informar aos consumidores para que reclamen a parte proporcional dos servizos interrompidos”.
-DIFICULTADES NA RECEPCIÓN DO SINAL DE TELEVISIÓN-
O BNG mindoniense tamén se fai eco das queixas dos veciños e veciñas da mesma zona que teñen moitas dificultades coa recepción de varias canles de televisión, “fai máis de un ano que levamos a pleno estes problemas e a día de hoxe a Televisión de Galicia segue sen poder verse”.
Os nacionalistas pídenlle ao goberno de Elena Candia medidas efectivas para corrixir todas estas deficiencias, “non se pode ter menos calidade de vida por residir no rural” conclúe.