Ribadeo, 8 de novembro de 2018. O Programa de Prevención de Drogodependencias e outros trastornos aditivos, dependente da Concellaría de Servizos Sociosanitarios que dirixe Sonia Meilán, iniciará o vindeiro martes, 13 de novembro, as actividades nos CEIPs de Ribadeo, Trabada, Barreiros e A Pontenova.
Estas actividades forman parte do programa denominado Habilidades para a vida, que se desenvolverá en 4 sesións durante o curso co alumnado de 5º e/ou 6º de EPO (entre 10 e 13 anos).
En total participan 5 centros e 146 alumnas e alumnos ademais de 9 titores “aos que agradecemos unha vez máis o seu tempo e a confianza depositada en nós”, explican desde o Programa de Prevención de Drogodependencias e outros trastornos aditivos.
As sesións a traballar son as seguintes:
1ª) Autocoñecemento e autoestima
2ª) Empatía
3ª) Pensamento crítico
4ª) Manexo de emoción e sentimentos
A metodoloxía que se empregará durante este programa será a través de rol-playing, debates, exercicios orais e audiovisuais.Todas as persoas que o desexen poden seguir as actividades desenvolvidas na páxina de Facebook e Instagram AdiccionsZeroRibadeo.