Foz, 24 de outubro de 2018. O Concello de Foz prégalle á Deputación de Lugo que axilice o convenio para a construción da nova canceira para a Protectora de Animais local. O alcalde focego, Javier Jorge Castiñeira, destaca que o Concello xa puxo a disposición do organismo provincial os terreos e o proxecto definitivo para a obra e explica que as actuais instalacións non son axeitadas.
“Desde o Concello de Foz pregámoslle á Deputación de Lugo que axilice o antes posible e remate o convenio que está pactado e ao que chegamos a un acordo hai uns meses para financiar a nova canceira de Foz”, manifestou o rexedor municipal, quen engadiu que “as actuais instalacións que hai Foz, xestionadas pola Protectora de Animais, non se atopan en bo estado. Están chegando reclamacións de diferentes entes e desde a Protectora estannos pedindo que axilicemos canto antes a construción das novas instalacións”.
Javier Castiñeira destaca que “o Concello xa puxo encima da mesa os terreos en Escanlar, ao lado do punto limpo, e xa fixemos o proxecto definitivo. Toda a documentación está na Deputación de Lugo e esperamos que se axilice ese convenio que financiará esta obra, que é moi necesaria e moi demandada e que necesita agora do último impulso. Dicímosllo ao presidente da Deputación, que foi quen se comprometeu co Concello de Foz, grazas a ese pacto que teñen entre os partidos da Deputación para repartir os diferentes convenios en distintos concellos e que non se mirase só para os municipios dunha cor. Agradecemos o compromiso de todos os grupos neste caso, pero pedimos que se axilice o antes posible porque non podemos estar esperando agora varios meses cando as instalacións no están á altura”.
O alcalde de Foz explica que “agora, chegados a ese acordo, postos os terreos a disposición e co proxecto xa feito, está nas mans da Deputación preparar o convenio e a partir de aí asinalo, que saia a licitación a obra e poder ter canto antes, a poder ser no primeiro semestre do ano que vén, a construción da nova canceira. Polo tanto solicitamos que se axilicen canto antes esas xestións porque é moi necesario dadas as circunstancias que temos agora mesmo na canceira de Foz”.