Mondoñedo, 13 de outubro de 2018.- O Concello de Mondoñedo reforzará a atención que presta aos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con novos servizos de psicoloxía para usuarios con alzheimer e as súas familias e de podoloxía para dependentes.
O Goberno local traballa para a partir de xaneiro do 2019, é dicir, “nun período de menos de tres meses, achegar apoio psicolóxico no propio domicilio tanto ás persoas usuarias do SAF que sofren alzheimer coma aos seus familiares que son os principais responsables do seu coidado”, explica a rexedora popular, Elena Candia. Para iso, un profesional trasladarase periodicamente ás súas casas para levar a cabo distintas actividades e terapias. E, igualmente, un podólogo visitará ás persoas dependentes para atender as súas necesidades sobre as enfermidades e tratamentos que poidan requirir as posibles alteracións que afectan aos pés.
Os usuarios interesados nestes novos servizos deberán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello para solicitar apoio psicolóxico e/ou servizo de podoloxía acreditando a situación de cada persoa beneficiaria.
106 mindonienses benefícianse do SAF
A alcaldesa salienta que “con estes novos servizos a persoas dependentes, o Concello mellora a atención que 106 usuarios están a recibir na actualidade nos seus domicilios da man de 23 auxiliares. Isto demostra o noso interese por garantir unha boa calidade de vida aos nosos maiores aos que lles facilitamos atención permitíndolles permanecer o maior tempo posible nos seu fogares”, incide.
Transporte para persoas dependentes ou con mobilidade reducida
Atendendo tamén ás necesidades de desprazamento das persoas con mobilidade reducida ou en situación de dependencia, o Concello de Mondoñedo ten adquirido recentemente un novo furgón adaptado cunha axuda do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda.
Este novo vehículo mellora a autonomía e capacidade de desprazamento dos mindonienses con mobilidade reducida ou en situación de dependencia ao centro de saúde, ao centro de servizos socio-comunitarios e o centro de día, entre outros. Polo tanto, contribúe a que os seus usuarios participen en actividades ou servizos dirixidos á prevención do deterioro físico e cognitivo.