BURELA (FNC) .- O Concello de Burela repartirá 3.000 euros en premios no desfile do antroido que percorrerá as rúas da vila o vindeiro martes 16 de febreiro.
A edil de Cultura, Neves Cando, presentou hoxe a programación do antroido que “comenza o sábado coas actividades adicadas aos máis pequenos. Serán de 11 a 13 horas na antiga praza de abastos e con música, xogos e maquillaxe apropiada queremos que os nosos nenos e nenas disfruten dunha xornada lúdica á que poden acudir, si queren, disfrazados”. O domingo 14 de febreiro o Concello agasallará aos maiores de Burela cunha chocolatada no transcorrer do baile que se celebra todos os domingos tamén na antiga praza de abastos. “A partires das oito da tarde compartiremos con todos eles este ambiente festivo do antroido”, relatou a concelleira nacionalista.
O luns 15 de febreiro a partires das nove da noite as charangas burelesas A Pataqueirada e O mellor de cada casa amenizarán as rúas de Burela coa súa música e concluirán ás once na Praza da Mariña “onde todos os veciños e veciñas poderán gozar dunha animada verbena a cargo orquestra Triunfo”. O martes 16 é o día grande do entroido de Burela e a partires das cinco e media da tarde comezará o desfile que percorrerá o pobo desde a rúa do Ril ata a Praza da Mariña, onde terá lugar a entrega de premios ao remate. Neves Cando sinalou que “as persoas interesadas en participar no desfile nas modalidades de carrozas, adultos e infantís tanto en individuais, parellas e grupos poderán inscribirse unha hora antes do inicio do percorrido. O desfile estará amenizado polas charangas de Burela e ao remate do mesmo, mentras agardamos pola entrega de premios, todo o mundo poderá disfrutar da chocolatada que se servirá na propia Praza da Mariña”.
O antroido de Burela rematará, segundo a concelleira de Cultura, “despois da ledicia e do bullicio destes días co acto fúnebre do enterro da sardiña previsto para o mércores 17. Chega o momento de chorar pola alegría que remata e a comitiva do enterro sairá ás 20:30 horas do Campón e despois de percorrer as rúas de Burela rematará na praia do Portelo, onde tras a lectura do pregón, que este esto correrá a cargo de Ramón Vázquez Andrade, procederase á queima da sardiña e ao peche do antroido 2010 en Burela. Convidamos a todos, nenos e non tan nenos, a participar nestas actividades que sabemos son un referente comarcal polas moitas chamadas que estamos a recibir estes días de persoas doutros concellos que queren vir participar nelas”.