BURELA (FNC) .- Burela acollerá as xornadas de degustación do ourizo do 19 ao 21 de marzo e as da pescada do pincho a finais de maio. Así se acordou na xuntanza que mantiveron onte o alcalde, Alfredo Llano e a concelleira de Mar, Remedios López cos hosteleiros que acudiron ao encontro celebrado no Concello.
A edil socialista dixo que “as xornadas fánse coincidir a propósito coa ponte de San Xosé, nesa festividade queremos animar á poboación a saír da casa e agardamos que a Burela cheguen mais turistas do habitual, aos que se lles dará a coñecer a nosa gastronomía. Acordóuse tamén o prezo da ración de ourizo que será de 4 euros para os ourizos cocidos e logo haberá degustación de distintas variedades (revolto de ourizo, paté de ourizo, parfait de ourizo de mar e algas, espárragos recheos de caviar de ourizo….) e cada restaurante variará o prezo segundo sexa o tempo de elaboración da tapa”.
O Concello de Burela farase cargo da publicidade en prensa, radio e carteleiría sen costo algún para os hostaleiros “e nesta ocasión non se fará ningún exemplar da colección Sabores do noso Mar xa que na anterior xornada gastronómica deste producto se editou un precisamente eloxiando a gastronomía da zona e o ourizo de mar. Este libro volverase regalar polos bares que participen nestas xornadas para que os hostaleiros agasallen aos seus clientes e se animen a consumir e preparar receitas con produtos do noso peirao”.
Remedios López lembra que “tamén igual que no ano anterior daranse unhas papeletas polos restaurantes para cubrir polos comensais que desexen degustar o producto da xornada gastronómica e entre todas as papeletas sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes de Burela que elixan os comensais”.
As xornadas gastronómicas da pescada do pincho serán a finais de maio, pero todos os detalles vánse perfilar nos novos encontros que o Concello manteña cos hostaleiros.