Lugo, 5 de setembro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a posta en marcha de 6 obradoiros de emprego na Mariña de Lugo, que beneficiarán a 14 concellos. Deste xeito, a Xunta atende o cen por cen das solicitudes formuladas polas administracións locais.
Así o explicou esta mañá o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, quen indicou que para o desenvolvemento destas 6 iniciativas destinaranse máis de 1,3 millóns de euros. O investimento global na provincia supera nun 37% a achega económica realizada na convocatoria do ano anterior e chega aos 5,5 millóns de euros.
A posta en marcha dos obradoiros de emprego na Mariña luguesa permitirá a contratación de 140 persoas, das que 116 serán alumnos e 24 persoal de dirección, monitores e persoal administrativo.
Cinco deles ofertaranse na modalidade dual. Estes constitúen a principal novidade da presente convocatoria, porque os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses cun contrato adicional de polo menos tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial do obradoiro e cunha actividade vinculada ás materias deste.
Na Mariña poranse en marcha os seguintes obradoiros duais: ‘Sendas de Burela, Xove e Cervo V’; ‘Serra da Cadeira V’ (que agrupa a Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e Trabada); ‘Eo-Navia II’ (A Pontenova, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz), ‘Terras do Sor II’ (Muras, Ourol e O Vicedo) e ‘Ribadeo co Camiño’ (Ribadeo).
Taller en Ribadeo para menores de 30 anos
No caso do concello de Ribadeo, contará con dous talleres, xa que nesta convocatoria será, xunto con Lugo, un dos dous da provincia que ofertará un obradoiro de Garantía Xuvenil. O ribadense denomínase ‘DOC TIC II’. Esta modalidade terá unha duración de seis meses e está dirixida a menores de 30 anos.
Ademais das iniciativas citadas, tamén o concello de Riotorto participará nun taller de emprego dual, neste caso asociado cos de Castroverde, Pol, A Pastoriza e Ribeira de Piquín. Trátase do obradoiro ‘O Castro IV’, cun investimento próximo de 288.000 euros e que contará con 20 alumnos.
A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.
Balseiro aproveitou a ocasión tamén para facer balance dos distintos programas de apoio á empregabilidade promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos concellos e, nese senso, explicou que, no que levamos de ano, o Goberno galego financiou a contratación de preto de 1.000 persoas na provincia de Lugo.