NOTA DE PRENSA
RESPONSABLES MUNICIPAIS REUNIRANSE MAÑÁ COS VECIÑOS DE CERVO PARA A POSTA EN MARCHA DO CENTRO SOCIAL PARA MAIORES
Cervo, 7 outubro de 2008.- As concelleiras Pilar Armada (Asuntos Sociais, Muller e Seguridade Cidadá), Chelo Gallego (Cultura), e Yolanda Pedreira (Deportes, Sanidade e Patrimonio Cultural) manterán unha xuntanza cos representantes das asociacións de Cervo e cos veciños en xeral o vindeiro mércores, día 8, ás 19.30 horas na sede do Ecomuseo ‘Terras de Azul Cobalto’ para abordar a posta en marcha dun Centro Social para Maiores neste núcleo de poboación.
Segundo indicou Pilar Armada, a reunión ten coma obxectivo “intercambiar ideas con todos os veciños de cara a ver as necesidades e os detalles de adecuación que se precisan para poder dispoñer deste servizo canto antes”. O Centro Social para Maiores de Cervo irá situado na planta superior do Ecomuseo `Terras de Azul Cobalto’. Ditas instalacións (antigo edificio consistorial) son axeitadas para adicalas ao esparexemento dos maiores onde poidan desenvolver actividades dun xeito regular, á vez que serva coma punto de referencia e de lugar de encontro para todos os nosos maiores; tanto do núcleo de poboación de Cervo coma do resto do concello.
Entre as avantaxes apuntadas polos responsables municipais para situar aquí dito centro figura a súa situación céntrica, ademais duns accesos independentes do Ecomuseo e axeitados para persoas con dificultade de mobilidade.
O Concello de Cervo ten previsto que este novo centro poda estar aberto nas vindeiras semanas.