Nota de Prensa
O portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, salienta a ameaza que para o peirao lucense de Mirasol supón a estratexia dos gobernos central e de Asturias de situar o do Musel como alternativa na captación do tráfico de celulosa e madeira
O PPdeG INTERÉSASE ANTE A XUNTA POLAS XESTIÓNS REALIZADAS PARA MANTER NO PORTO DE RIBADEO A ACTIVIDADE DEPENDENTE DA PAPELEIRA ENCE-NAVIA
Santiago, 4 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario do PPdeG ven de rexistrar na Cámara unha iniciativa pola que se interesa ante a Xunta polas xestións realizadas para manter no porto de Ribadeo a actividade dependente da papeleira Ence-Navia. O portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, fai referencia a que o tráfico portuario de pasta de papel e madeira procedente da empresa Ence-Navia, que supón preto do 65% da actividade do porto lucense de Mirasol vese agora ameazado pola estratexia dos gobernos central e do Principado de Asturias como alternativa na captación deste tráfico de mercadorías.
A esta ameaza para o porto de Ribadeo engádense os efectos negativos que para o mesmo supón o convenio asinado entre o Goberno de Asturias e a empresa Ferrocarrís de Vía Estreita (FEVE), dependente do Ministerio de Fomento, polo que se acordou impulsar a construción dun ramal ferroviario entre a papeleira de Navia e a liña de ferrocarril, de xeito que podería levarse a celulosa da dita factoría ao centro de Asturias, sorteando o procedemento habitual de transportala en camións ata o porto de Ribadeo.
Ambos feitos confirman, para Balseiro, “a intención de substituír ao porto de Ribadeo como dársena receptora desta actividade”, o que prexudicaría “dun xeito evidente os seus intereses e a captación dun tráfico portuario que contribúe a xerar riqueza e emprego na nosa comunidade”.
O deputado resalta a “indiferenza e falta de iniciativas efectivas por parte do anterior Goberno bipartito”, que, “malia ser plenamente consciente desta problemática, non foi quen de impulsar unha estratexia correctiva como debera”.
Ante esta realidade, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre as previsións que manexa respecto da estratexia de situar ao porto do Musel como alternativa na captación do tráfico de celulosa e madeira do porto de Ribadeo, así como sobre as xestións que ten previsto realizar o Ente Público Portos de Galicia co obxecto de defender os intereses do peirao lucense “e corrixir a ameaza descrita”.