Na entrega VI da serie, que só pretende traer aos lectores o coñecemento mínimo,por unha parte, ou a lembranza por outra, de distintos episodios acaecidos, tempo hai, no seo da que foi a mais querida institución dos focegos (o asilo de anciáns, da Fundación Martinez Otero), relatamos a tan singular, como enigmática, personalidade do mais popular persoeiro (“o Mudo”),de cantos por él pasaron; pero outros mais, tamén polas súas singularidades ou simpatía, foron moi populares entre a veciñanza :
*Don Gumersindo era un mendigo, de quixotesca imaxe; home culto e cortés, de exquisito trato ; bohemio e romántico trotamundos.Unha versión sobre él, que divulgaba a “vox pópuli”,contaba que, xefe de correos, en importante vila de Castela; a represión política da posguerra, fixo que,expulsado do Corpo, e, naquela situación, non fose quen de atopar un traballo digno; o que o obrigou, como a tantos españois, a pedir esmola. Asmático e irredento fumador en pipa, aparecía polo asilo cando a saúde se resentía e, así que recuperaba, voltaba a percorrer os camiños, para seguir na obrigada bohemia. Cantautor, sempre a guitarra ao lombo, coa súa trova poñía música e poesía por prazas, rúas e corredoiras: “El que tiene una cachimba/ tiene una fortuna;/aunque no tenga tabaco,/siempre parece que fuma…”. Un día, don Gumersindo baixou as escaleiras do fermoso xardín que frontea o asilo. Co atado de roupa, lavada e planchada, baixo o brazo, como adoitaba facer cada vez que abandonaba aquela casa, na que sempre atopou refuxo e coidados, por parte das monxiñas.Desta vez, endexamais voltou…
Na casa-museo do escultor, noso vello amigo Víctor Corral, de Baamonde, que recomendamos visitar, pendura da parede, un fermoso relieve artístico do singular persoeiro, obra do prestixoso escultor.
Atilano, fillo do concello de Foz, ben novo emigrara a Bós Aires, e daquela xeira trouxera unha entusiasta admiración polo presidente Perón; falaba e non paraba do gobernante, e na memoria gardaba un anaco de discurso peronista que, un tanto “larapotado”,recitaba: “Mis queridos descamisados y poligrillos: es necesario de comprender a situación que marca o reglamento, en esta localidad informativa… “ ; e dixemos todos – exclamaba Atilano – ”¡¡Viva don Juan Perón!!..”.
Cándido, “o Carrero”, tamén coñecido por “Panamá”; auriga, conductor do carro de cabalo, único medio de transporte do que se dispuña na casa, ata que o pobo de Foz lle doou o que foi o seu primeiro vehículo a motor: unha flamante furgoneta Ebro, a estrear.
Don Miguel ,que un día aparecera por Foz; quedou no asilo e, polas súas dotes para as relacións públicas, non tardou en exercer de “guía para visitantes”… que o fixo moi popular.
“Rabo de Pega”, para impoñer a súa autoridade moral, nos debates que se producían entre os compañeiros asilados, decía: ”¡Qué saberedes vosoutros, que nunca deiquí saistes… e eu xa fun a Ferreira do Valadouro…!”
“Banderas” cuxa habilidade para imitar coa boca, con extraordinaria semellanza,os intermitentes laídos da máquina de mallar, congregaba ao seu arredor grande expectación de curiosos e desocupados…
A eles, e outros mais, cuxa relación sería moi extensa, lembrámolos con respecto e agarimo; Ortega y Gasset, dixera: “Yo soy yo y mis circunstancias…”.