Lugo, 07 de xullo de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, acompañado do Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra, adiantou un novo investimento do Executivo Provincial de 210.000 euros para mellorar máis de 7 quilómetros de dúas estradas provinciais, das que se beneficiarán uns 4.000 veciños dos Concellos da Pastoriza e Riotorto. As melloras serán na LU-P-1106, de Castro de Rei, por Reigosa, á estrada de Bretoña a Lindin; e a LU-P-4402, da estradas de Paraxes a Lourenzá, por Bretoña, a Muiñonovo.
Campos Conde destacou que “a través destas melloras que financiamos dende o Goberno da Deputación, buscamos mellorar as comunicacións das que dispoñen os nosos veciños, especialmente os do rural, e dentro da nosa clara defensa da igualdade de oportunidades vivas onde vivas”. O Presidente lembrou que o Goberno converteu a Deputación no motor económico e social da provincia, “pois somos a única administración que fai obras en todos e cada un dos nosos municipios, colaborando de xeito igualitario e distribuíndo fondos en base a criterios totalmente obxectivo pois os cartos públicos son de todos os veciños”.
Iglesias Sierra, agradeceu á Deputación “o esforzo realizado ano tras ano polo Goberno Provincial para que o noso Concello teña unhas boas infraestruturas que permitan a unha rexión de interior, rural e cunha poboación dispersa, manter activa a súa vida e economía. Un esforzo vital xa que a Deputación de Lugo é a única administración que se preocupa de que as estradas do noso Concello reciban, dentro das limitacións, os mellores arranxos posíbeis.”
Os traballos nestas dúas estradas, que beneficiarán aos máis de 4.000 veciños do Concello da Pastoriza e Riotorto, consistirán na limpeza de cunetas, o acondicionamento do firme con aglomerado quente e a revisión e mellora da sinalización vertical e o repintado. As estradas sobre as que o Executivo Provincial actuará son as seguintes:
-LU-P-1106, que vai de Castro de Rei a Bretoña, pola parroquia de Reigosa: mellora de 4 quilómetros, entre os puntos quilométricos 13 e 19,6. Trátase dunha vía fundamental, debido a que conecta algunha das parroquias máis importantes do concello como son as de Bretoña, Reigosa, Úbeda, Vián e o Lugar de Xemil.
-LU-P-4402 de Paraxes a Lourenzá por Bretoña a Muiñonovo: mellora de 3,8 quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,4 e 7,3, o que supón a mellora dunha estrada que conecta os Concellos de Pastoriza e Riotorto, dandolle servizo a todo o Concello ao ser a vía que une e serve de nexo de relación entre este Concello e o veciño de Riotorto, co cal moitos dos veciños teñen fortes vínculos e relación e empregan esta estrada acotío para desprazarse entre ambos os dous. A Deputación actuará tamén nesta mesma estrada na parte pertencente ao Concello de Riotorto