Burela, 6 de xullo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo esta mañá un encontro cun estudio de arquitectura para facer unha primeira valoración do que será o futuro pavillón polideportivo de Burela.
Llano contou que “o que fixemos foi visitar os terreos nos que queremos construír esa nova instalación en Burela. Están próximos aos colexios e aos outros pavillóns. O obxectivo e contar naquela zona cunha pequena cidade deportiva, que estará dotada de aparcadoiros para dar servizo a todo ese conxunto”.
O alcalde explicou que “ese novo pavillón contará con capacidade para 2.500 persoas sentadas e disporá de vestiarios, diversas salas e ximnasio, entre outros servizos. Será un edificio que estará preparado para albergar competicións deportivas dos principais clubs de Burela e para acoller eventos, culturais, musicais e todo tipo. Esta instalación virá satisfacer a grande demanda que hai desde o ámbito do deporte en Burela”.
Alfredo Llano engadiu que “o que queremos deste estudio de arquitectura é que prepare unha memoria técnica e económica que nos dea unha idea do custe que terá este novo pavillón. Tamén queremos saber a superficie que precisamos para esta infraestrutura. E logo ese estudio será presentado diante das diferentes administracións que agardamos que se impliquen neste proxecto”.