Burela 5-7-18. O famoso cociñeiro Alfonso López Alonso visita estes días a lonxa Burela para coñecer de primeira man a calidade do bonito do norte e a pescada do pincho que pesca a flota local.
O cociñeiro visitou esta madrugada a lonxa de Burela para asistir en vivo á subasta de bonito do norte e descubrir as claves de como escoller os mellores exemplares.
Despois de seleccionar as súas propias pezas de bonito do norte e pescada de Burela, o cociñeiro dispúxose a preparar en directo a través das súas canles varias receitas a base de bonito e pescada do pincho. Concretamente cociñou unhas “Filloas recheas de merluza de Burela” e “Tartar de bonito de Burela”.
Alfonso López dirixe na actualidade o blog de cociña “Recetas de rechupete” (www.recetasderechupete.com), quinto blog gastronómico máis importante de España e que ten milleiros de seguidores nas súas redes sociais e canles audiovisuais. O éxito da súa páxina fíxoa merecedora de premios como o “Bitácoras” ao mellor blog gastronómico de España. Estímase que o impacto das súas publicacións supera os 4 millóns cada mes entre o seu blog, canle de Youtube e redes sociais.