Mondoñedo, 5 de xullo de 2018.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, fixo hoxe un percorrido pola localidade co actor e humorista Xosé Antonio Touriñán para conmemorar o aniversario da Declaración do Camiño Norte de Santiago como Patrimonio Mundial pola Unesco, hai agora tres anos. Tamén os acompañou a xefa de Cultura da Delegación da Xunta en Lugo, María José Gómez.
A primeira hora da mañá a rexedora acompañada por Touriñán e Gómez visitou aos alumnos chegados de toda España que participan no Campus de Baloncesto. Convidounos a descubrir Mondoñedo e a facer fotografías dos seus encantos e difundilas “para contribuír a agrandar a boa imaxe da nosa cidade”.
“Que esta cidade marque a vosa historia”
“É moi importante que cando regresedes aos voso fogares recordedes os recursos que temos, como o Camiño Norte, a Catedral ou as Covas do Rei Cintolo”, incidiu Candia, quen convidou aos rapaces a volver a Mondoñedo coas súas familias “para que esta cidade marque a vosa historia”.
A alcaldesa referiuse ademais ao patrimonio inmaterial, “ese que non podemos tocar, que recibimos dos nosos antepasados, dos nosos escritores, os nosos músicos ou os nosos poetas”.
Elena Candia agradeceu a presenza de Touriñán en Mondoñedo, como un dos embaixadores da cidade, posto que “leva os nosos recursos por todo o mundo”.
Percorrido
Despois de visitar o Centro de Interpretación do Camiño Norte a rexedora e Touriñán fixeron un percorrido pola Catedral, declarada tamén Patrimonio Mundial pola UNESCO no ano 2015. A última hora da mañá visitaron as Covas do Rei Cintolo, a cavidade máis grande de Galicia, para vivir unha experiencia única nas entrañas da terra.