Burela, 4 de xullo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, participou en Mondoñedo nun simposio sobre turismo gastronómico e subliñou que a gastronomía debe ter un peso específico nos xeodestinos aos que se viaxe. O rexedor aproveitou para facer un balance moi positivo da degustación de bonito que tivo lugar o pasado sábado en Madrid, organizada polo Concello coa colaboración de Ledicia e da asociación A Moncloa.
O alcalde burelés manifestou que “no simposio sobre turismo gastronómico todos nosoutros dábamos as nosas opinións, e consideramos que aínda que o turismo é unha cuestión transversal completamente, non é soamente a gastronomía o que inflúe para que veña xente, a paisaxe e as praias, senón que todo no seu conxunto conforman un atractivo. O que fixemos foi ver que a gastronomía si que debe ter un peso nos xeodestinos onde se vaia. Cada vez que imos a un sitio todo o mundo pensa onde comer e os produtos que son típicos nesas zonas”.
Alfredo Llano dixo que “me veu moi ben participar nese simposio porque tiven a experiencia a semana pasada de ir a Madrid con compañeiros do Concello, de Ledicia e da asociación A Moncloa, para facer unha promoción de que se debe comer bonito e como se debe preparar, e sobre todo defender este produto e esta pesca. Hai unha forma extraordinaria de pescalo e almacenalo, o que dá lugar a que teña unha gran calidade. Tamén fixemos fincapé na maneira sostible que temos de pescalo”.
Para o rexedor burelés “a alimentación debe ser algo que nos debe preocupar a todos, pero a pesca agora mesmo tamén debe ser algo que nos debe preocupar, e sempre presumimos de como pescamos dunha forma sostible que realmente respecta o produto, e que exista unha garantía de trazabilidade como é a do bonito, que vai indicado claramente que é bonito do norte. Mesturamos o que é o produto gastronómico cunha defensa do turismo para Burela, non soamente falamos do bonito senón tamén do porto e dos atractivos do noso concello, todo iso no seu conxunto conforman unha idea clara do que podemos ofrecer. A gastronomía tamén nos serve para facer eventos que chamen a atención como é a feira do bonito, que queremos que sexa unha festa de interese nacional. Ata agora é de interese autonómico desde 1999, e queremos que sexa de interese nacional porque trae consigo unha serie de vantaxes claras, e ademais sitúa a Burela nunha posición moi boa para que sexa coñecida e teña interese a xente en achegarse ata nós”.
Llano subliñou que “foi unha boa experiencia falando do turismo gastronómico e nosoutros tamén defendemos en Madrid algo que consideramos que é moi importante para a economía, para a sociedade e a cultura do noso pobo, e en definitiva para toda a Mariña”.
VII Festa Castrexa
O rexedor aludiu hoxe á Festa Castrexa que se celebra os días 6 e 7 de xullo en Burela dicindo que “esta fin de semana é certo que hai moita actividade en toda A Mariña e iso é moi bo. Nosoutros imos complementar outras festas como son as de Ribadeo e Viveiro, coa nosa Festa Castrexa”.
Alfredo Llano considera que “é una boa maneira de coñecer Burela, de afondar no noso pasado, de ver onde está a nosa procedencia e de presumir tamén do Torques, que é unha xoia mundialmente recoñecida, posiblemente a máis grande e a mellor conservada dos celtas”.
O alcalde anima “a todo o mundo que queira achegarse ata aquí. Animar á xente do pobo a que forme parte dos clans, que se vista de castrexo e participe nesta festa. Este ano hai moitas novidades, imos compartir os xantares na praza do Concello, vai haber teatro, imos facer un desfile, vai haber moitos xogos, se non chove, na praia do Portelo. Penso que durante o venres, a partir do desfile, e o sábado todo o día vai ser unha maneira moi bonita de compartir esta festa, que non soamente é histórica senón tamén recreativa. Así que todo o mundo que queira que se achegue ata aquí”.