Lugo, 3 de xullo de 2018. A Deputación inxecta esta semana 620.000 euros ás empresas e entidades da provincia co Ben Empregado IV, a programación coa que o Executivo Provincial aposta por xerar emprego de calidade, defendendo a igualdade e os dereitos dos traballadores. Así o informou a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, que avanzou que se tratan das 92 empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro que xa solicitaron o anticipo desta programación en impulso do emprego, que o Goberno dotou con 2,1 millóns de euros e cos que se xeran 154 novos postos de emprego na provincia de Lugo. Isto permitirá que as empresas e entidades dispoñan deste orzamento, sen ter que empregar fondos propios.
López Izquierdo apuntou que “polo momento, son 92 entidades das 154 beneficiarias desta programación as que reciben estes fondos, ao ter formalizada a solicitude deste anticipo. Durante as vindeiras semanas, inxectaranse o resto de fondos das empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro que están formalizando a solicitude deste orzamento”.
A Deputada lembrou que, dos 154 novos postos de traballo xerados ao abeiro desta programación, 11 son en empresas e colectivos sen ánimo de lucro de Concellos da Mariña; 24 da Comarca da Terra Chá; 9 na de Sarria; 79 na de Lugo; 3 na da Ulloa; 10 na da Montaña; 18 en Lemos e Chantada.
O Ben Empregado 4, máis social inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, PEMES e asociacións lucenses.