Lugo 28, xuño, 2018. O Grupo Provincial do PP sae ao paso das declaración efectuadas hoxe polo presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, para asegurar que o único conchabeo que existe é o del pactando acordos ocultos “que lle están saíndo moi caros aos lucenses”.
Os populares recordan que hai pouco o deputado non adscrito desvelou que lle ofreceran 90.000 euros pola presidencia de Suplusa, un pacto na sombra que agora os socialistas negan. A este conchabeo de intereses entre os socialistas súmanse moitos outros pactos ocultos que acabaron por situalos nun Goberno débil, en minoría e incapaz de traballar por esta provincia.
Os populares defenden que “o traballo construtivo do PP” foi apoiar a Darío en numerosas ocasións cando ten demostrado que non estivo nin está á altura das circunstancias. Tanto é así que no último pleno o Grupo Provincial do PP tivo que levar por urxencia a modificación do regulamento orgánico porque o presidente se negou a incluílo na orde do día.
“Se alguén ten convertido á Deputación nun circo e nun esperpento foi precisamente Darío Campos e o seu equipo de Goberno facendo das liortas internas dos socialistas o centro do debate político”, explican.
“Tiñan que estar preocupados por solucionar os problemas dos veciños e veciñas pero viven enfrascados nas loitas de poder do PSOE, no reparto de postos e na confrontación máis desleal, cando desde o PP o que se lles ofrece é sempre diálogo, consenso e colaboración”, lamentan.