Nota de Prensa
Cando o BNG chegou ao goberno municipal de Burela no ano 2007, unha das primeiras decisións que promoveu foi que se acordase poñer a disposición da Consellería de Vivenda e Solo un solar de Torrentes para a construción de 40 vivendas de protección, vivendas moi necesarias vistas todas as solicitudes e a lista de espera que houbo nas de recente construción no Torno.
Ao principio do 2008 a Concelleira de Vivenda e Tenente Alcalde, Neves Cando, acadou o compromiso da Conselleira nacionalista Teresa Táboas de que neste mesmo ano se iniciarían os trámites para a construción destas vivendas unha vez estiveran postos os terreos a disposición da Consellería.
Despois de que se iniciara todo o procedemento da Unidade de Actuación de Torrentes no ano 2006 e da adxudicación da obra de urbanización no 2007, vemos como agora, a punto de rematar o 2008, aínda non están rematados todos os trámites e procesos desa urbanización; pasa o tempo e aínda non se dispón dese solar para que a Consellería de Vivenda poida construír as mencionadas vivendas.
Foi unha constante a incompetencia e desinterese do Partido Popular pola promoción de vivenda protexida, desinterese demostrado no feito de que en 12 anos de goberno só fora capaz de sacar adiante 32 vivendas sociais, despois de ter rexeitado moitas iniciativas do BNG nese sentido.
Son tamén moitos os anos sen que Burela contara cun Plan Xeral de Ordenación Municipal, ferramenta indispensable para un desenvolvemento urbanístico que permita un crecemento ordenado e axeitado ás necesadades económicas e sociais do noso pobo. O BNG sempre apoiou a necesidade de contar con este instrumento e tamén apoiou en todo momento o desenvolvemento da Unidade de Actuación de Torrentes porque supoñía desbloquear unha situación negativa para os veciños afectados e permitía dotar o concello de novas áreas de expansión e de servizos, posiblitando á súa vez un despregue económico e urbanístico para Burela.
O BNG de Burela está preocupado pola lentitude da xestión deste proceso de desenvolvemento urbanístico e consideramos que se deben axilizar os trámites pendentes e realizar as actuacións pertinentes que permitan desbloquear a situación actual e se poida rematar o proceso de urbanización coa maior prontitude para facer efectivo o acordo municipal de cesión de terros para a construción das 40 vivendas de protección previstas nesta urbanización.