Lugo, 14 de xuño de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou este xoves que o Goberno da Deputación inviste outros 1,2 millóns de euros na mellora de case 30 quilómetros de 8 estradas provinciais ao seu paso por 5 Concellos da Mariña. Campos Conde explicou que o Executivo aprobará mañá na Xunta de Goberno a contratación das seguintes obras:
– En Riotorto, case 4 quilómetros da LU-P-4402 de Paraxes a Lourenzá por Bretoña a Muiñonovo. As obras, dotadas de 171.000 euros, levaranse a cabo no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3,4 e 7,3.
– En Foz, preto de 3 quilómetros de dúas estradas con máis de 113.000 euros. Na LU-P-2010 de Bao a Ver actuarase no treito dende o punto quilométrico 0 ao 2,5. Na LU-P-2009 do Peirao de Foz por Marzán a Bispo Santo mellorarase o treito dende os puntos quilométricos 1,6 e 1,9.
– En Ribadeo, 11,3 quilómetros de 3 estradas con 554.000 euros. Na LU-P-5203 de Cedofeita por Couxela e Antiga Estación actuarase dende o punto 2,4 ao 7,8; na LU-P-5204 de Cedofeita por Arante a Regocorto (LU-132) entre os puntos 0 e 2,8; e na LU-P-5205 de Porto por Vilaosende á LU-P-5203 entre os puntos quilométricos 0,7 e 3,8.
– En Cervo, 2 quilómetros da LU-P-1502 de Burela por Vilaestrofe a Ferreira. Son 131.000 e actuarase no treito comprendido entre os puntos 7,5 e 9,5.
– En Barreiros, 5 quilómetros da LU-P-0609 de Vilamar por Gondán a Cruce da Insua. Son 230.600 euros para melloras dende o quilómetro 0 ao 5.