RIBADEO (FNC) .- Alumnos do CEIP Gregorio Sanz e os IES Porta da Auga de Ribadeo participaron esta mañá nunha xornada formativa sobre a Lectura da paisaxe, organizada polo Núcleo de Sostibilidade. Pola tarde rematarán cun obradoiro na Casa da Ría no que “se lles mostrará aos nenos e aos profesores que están implicados na Axenda 21 Escolar cómo interpretar esta paisaxe de forma directa, vendo as montañas e a ría de Ribadeo”, segundo explica o edil de Medio Ambiente.
Horacio Cupeiro sinalou que “estas charlas facémolas dentro do programa da Axenda 21 Escolar que se puxo en marcha a través do Núcleo de Sostibilidade e o que pretendemos é educar aos pequenos para que no futuro a cultura da sostibilidade sexa un valor de toda a cidadanía. O que queremos, e seguro que o conseguiremos, é que a poboación se implique directamente na construcción do futuro do noso concello a través dos foros de participación cidadá que están incluidos tanto a través da Axenda 21 Escolar como da Axenda 21 Local”.
O concelleiro nacionalista engadiu que “dende o cumio da terra de 1992 en Río de Xaneiro no que se definiu o desenvolvemento sostible e despois de asinar o noso Concello a carta de Aalborg máis 10 sobre as cidades e pobos sostibles Ribadeo debe implicarse cada día máis na conservación do planeta e non queda outra forma que facelo de xeito sostible compatibilizando o desenvolvemento económico e social co medio ambiente. Este é o fin que pretendemos conseguir despois de formar aos nenos de Ribadeo para que eses futuros rexidores e gobernantes o saiban facer de forma sostible. Queremos que os nenos consigan levar a cabo o desenvolvemento sostible para que o noso planeta non sufra as consecuencias que está a sufrir hoxe”.