Burela 12-6-18. O talento de Luis Martínez Somalo queda en Burela. O pivote logroñés de 29 anos e o Pescados Rubén chegaron a un acordo de renovación para a próxima tempada.
O 6 laranxa, que se sumou ao proxecto mariñán o ano pasado logo de 9 campañas no Aspil Ribera Navarra FS, foi o máximo artilleiro do conxunto de Juanma Marrube, con 21 dianas, nos seus 28 partidos de liga; o seu labor foi recoñecido co Trofeo Viceroy ao Mellor Xogador, de Kessarys Joyeros, coa valoración de profesionais, prensa e a afección, xornada a xornada.
Luisma convértese na cuarta renovación da escuadra burelista, tras Matamoros, Hélder e Pope. Ata o momento, completan o vestiario, Renato, con contrato en vigor, e as incorporacións do peche Lucho e os alas Vargas e Juanfran, desde Primeira División.
“Luisma achega serenidade e experiencia ao equipo, ademais de gol” explicaba o presidente laranxa, Manuel Blanco, destacando que “é un exemplo en disciplina e traballo”.