Ribadeo, 23 de maio de 2018. O Cine Teatro acolleu a presentación dos actos que se desenvolverán ao longo de todo este ano para conmemorar o centenario do nacemento de Carlos Álvarez Fernández-Cid. Un dos primeiros será este sábado, 26 de maio, data na que se descubrirá unha placa na casa na que naceu. A directora da Coral Polifónica de Ribadeo, Mª Carmen Rodríguez Cancelo, subliñou que “Carlos Cid é unha figura imprescindible da historia da música de Ribadeo”. Ao acto deste mediodía acudiu o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, xunto a representantes da Banda de Música, de Amadores da Música, da EMMeD, do IES de Ribadeo, da parroquia de Santa María do Campo e da Peña Madridista del Eo.
Os actos deste centenario están organizados pola Coral Polifónica de Ribadeo e a Sociedade Filantrópico Dramática e contan coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.
Rodríguez Cancelo fixo unha semblanza de Carlos Álvarez Fernández-Cid e contou que “naceu en Santiago en maio de 1918, pero veu vivir a Ribadeo, de onde era a súa nai, antes de cumprir un ano. A súa vida está dedicada á música e protagoniza o panorama musical ribadense durante uns 50 anos, desde 1934 ata 1983. Con 16 anos xa era organista da igrexa e director do coro parroquial. Foi profesor no instituto, onde dirixiu coros. A súa profesión era farmacéutico, pero tamén deu clase no instituto, aínda que foi coñecido sobre todo como músico. No ano 1955 creou a Coral Polifónica de Ribadeo, co que pretendía facer outro tipo de música, que non fora exclusivamente relixiosa. A coral deu o seu primeiro concerto o 20 de xullo de 1955 no Cine Teatro, polo tanto este é un lugar emblemático para el, para a súa vida e para nós, como seguidores do seu legado, xa que a Coral é a súa única creación que segue viva. Ademais daba concertos de piano en veladas benéficas, concertos de música de cámara non só en Ribadeo senón tamén en cidades como Vigo e Madrid. Dirixiu a tuna universitaria de Santiago nos anos 1943 e 1944 e tamén a Banda Municipal de Ribadeo no 1946 e logo en 1949. Refundou unha rondalla que estivo actuando pola vila durante os 60 e 70 e tamén dirixiu outra agrupación musical en Abres, en 1948, que co paso dos anos se transformou na orquestra Amigos da Música. Falece no ano 1984 despois dunha vida dedicada á música”.
Rodríguez Cancelo seguiu a relatar que “os actos deste centenario, que presentamos hoxe, desenvolveranse ao longo deste ano 2018 e comezaron xa co concerto sacro que a Coral Polifónica de Ribadeo lle dedicou no transcurso do pregón da Semana Santa no mes de marzo pasado. A partir de hoxe os actos programados serán os seguintes. O primeiro será este próximo sábado, á unha da tarde, no que se procederá a colocar unha placa conmemorativa na súa casa natal. Esta placa é ofrecida polo excelentísimo Concello de Ribadeo no nome do pobo de Ribadeo, e o acto contará coa participación da Banda Municipal de Música, que dará un pequeno concerto ao remate”.
E engadiu que “outros actos a partires do próximo sábado, sen data concreta que se irán anunciando no momento oportuno, será o concerto de verán, o concerto de Santa Cecilia que dedicará este ano especialmente á Coral Polifónica de Ribadeo e á súa memoria. Ademais un libro conmemorativo do centenario que estará patrocinado pola Xunta de Galicia, e un concerto de música clásica, que tamén se fará ao longo do ano. O IES Dionisio Gamallo dedicará a súa axenda escolar do curso 2018/2019 á súa persoa, e tamén a conferencia inaugural deste curso 2018/2019 versará sobre a súa persoa e será pronunciada polo seu fillo Carlos Álvarez Lebredo. A Sociedade Filantrópico Dramática deseñou estas telas conmemorativas,que temos aquí detrás, e que estarán todo o ano no lateral do Teatro recordando este centenario. Na parroquia Santa María do Campo, que tamén participa polos moitos anos que dedicou Carlos a tocar música e a participar nas celebracións relixiosas, haberá un concerto de órgano. A Peña Madridista do Eo dedicaralle o 50 aniversario da súa fundación. Tamén a Escola Municipal de Música dedicará o festival de fin de curso á súa memoria. Todos os actos que se celebren neste ano levarán un logotipo no que figurará o recordatorio deste centenario”.