BURELA .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, fixo entrega hoxe de seis vivendas de promoción pública construídas nas rúas Luís Seoane e Valle Inclán, en Burela, nun acto celebrado na notaría da localidade situada na Praza da Mariña.
Cinco destas vivendas foron adxudicadas en réxime de aluguer, por prezos que oscilan entre os 98,96 e os 130,65 euros mensuais. A sexta foi vendida por un importe de 52.921,96 euros.
As vivendas teñen tres dormitorios e unha superficie útil de 65,91 metros cadrados, salvo unha que só dispón de dous cuartos. Forman parte dunha promoción completa de 32 pisos, que quedaran vacantes tras dunha primeira fase de adxudicación celebrada o pasado ano.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, afirmou que “o Goberno galego ten en conta a necesidade de apoiar aos cidadáns para o aluguer o adquisición de vivenda, máis aínda nun momento como o actual”. Así, a representante do Executivo galego destacou o compromiso que este posúe neste ámbito coa provincia de Lugo, para a que no presente ano realizarase “un investimento de arredor de 6,5 millóns de euros en vivenda de promoción pública a fin de facilitar o acceso a un fogar de seu aos cidadáns de Lugo que lles corresponda.
A construción desta promoción deu comezo en decembro de 2004 e rematou tres anos despois. A primeira lista de posibles adxudicatarios abriuse no 2005, aínda que a falta de candidatos suficientes que reuniran os requisitos retrasou o proceso ata conseguir, finalmente, adxudicar o groso das vivendas o pasado ano.
Arias recordou que, no tocante á comarca da Mariña, no presente ano está prevista a posta en marcha de vivendas de promoción pública “en dous concellos: en Alfoz e Ourol. Deste xeito, a Xunta atende a cobertura da demanda existente”.
Os seis pisos que hoxe foron entregados aos arrendatarios e ao propietario eran as últimas vacantes dispoñibles nesta promoción. No acto de entrega estivo tamén presente o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José María López Vega.