LUGO .- A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, supervisou este mércores a posta en marcha da certificación mediambiental das praias na que está a traballar o organismo provincial dentro da súa aposta polo medioambiente como unha oportunidade económica. Lara Méndez indicou que esta semana a Deputación visitará as máis de 40 praias dos 5 Concellos que se adheriron a esta iniciativa para facer unha diagnose da súa situación. “Trátase de analizar o estado das aguas e dos areais de cada unha delas. Por exemplo, analizaremos se existe algún tipo de verquido, un porto lindeiro, ou algunha zona protexida”, explicou.
O organismo provincial supervisará estes días os areais de Ribadeo, Viveiro, Foz, O Vicedo, e Burela, Concellos de todas as cores políticas que se sumaron á iniciativa da Deputación. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda lamentou que os rexedores de Xove, Barreiros, e o Cervo non se adherisen ó proxecto, xa que “a pesares das reiteradas invitacións da Deputación, antepoñen os seus intereses partidistas ao desenvolvemento da provincia, e ao benestar dos veciños”.
Reunións mensuais
A responsable da área de Promoción Económica e de Emprego da Deputación subliñou que, logo de facer este estudo, o Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, dará conta do seu resultado aos 5 rexedores nun encontro a comezos de febreiros na Casa da Cultura do Vicedo.
Lara Méndez avanzou que Gómez Besteiro reunirase cada mes cos 5 Acaldes para avanzar nos traballos que conleva a certificación medioambiental das praias. “Serán encontros rotatorios, é dicir, que se irán celebrando en cada un dos Concellos involucrados neste proxecto, e nos que participará sempre o Presidente da Deputación e os 5 rexedores”, salientou.
“Máis alá da bandeira azul”
A Vicepresidenta Segunda subliñou que a certificación na que está a traballar a Deputación “vai máis alá da bandeira azul. É un distintivo co que lograremos praias de auténtica calidade ao garantir o cumprimento do regulamento máis esixente e prestixioso da Unión Europea, o EMAS”. Neste senso, Lara Méndez incidiu en que, mentras a bandeira azul é unha fotografía da praia que se dá nun momento determinado, a ISO 14.001 que implantará a Deputación acredita unha mellora constante ao rexerse pola normativa comunitaria medioambiental máis estricta.
Asimesmo, explicou que a diferenza da Q de calidade, a certificación proposta polo organismo provincial non só atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, senón tamén ás leis medioambientais dos expertos da Unión Europea. “Estamos por tanto, ante unha certificación que garante unha correcta xestión ambiental, minimizando o impacto nas praias, e o que é máis importante, nos veciños”, destacou.
Aposta polo ecoturismo
A iniciativa da Deputación enmárcase dentro da aposta do organismo provincial polo medioambiente como unha oportunidade económica. A Vicepresidenta Segunda subliñou que “nun momento de crise como o actual, e tendo en conta a importancia do sector turístico, damos un paso máis no desenvolvemento da nosa provincia, facendo das nosas praias un referente turístico. Con esta certificación, os areais da Mariña terán un valor engadido que se traduce nun reactivador económico.”.
En España contan coa ISO 14.001 as praias das Comunidades de Valencia, Cataluña, Baleares e Andalucía, “as raínas do turismo”. No noroeste, só teñen este distintivo, algúns areais de Biscaia e A Coruña.