Nota de Prensa
Orzamentos decepcionantes
Onte, luns 18 de xaneiro, ás 19:00 horas, celebrouse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Xove o pleno para a aprobación do Orzamento 2010 para o noso municipio.
“Ben deitamos do Plan E”, asegurou con preocupación o responsábel local do BNG. Marco López amosou a súa tristura polo feito de que teña que ser o Estado quen veña investir en Xove “cando nós somos un Concello rico”. O cargo orgánico do Bloque xovense queixouse de que, dun orzamento total de 6.601.341 € só se destine para investimentos reais o 6 % (398.120 €), case a metade do que se asignou o ano pasado. Así e todo, este ano o gasto de persoal increméntase en preto dun 20 %, é dicir, este ano destínanse 470.810 € máis a persoal que no exercicio anterior (ano 2009: 2.547.07 € / ano 2010: 3.017.880 €).
Marco López quixo lembrar que o Concello de Xove está máis que preparado para responder eficazmente á situación económica actual, cousa que outros municipios da Mariña non poden facer “ao non teren cartos nin para as nóminas”.
O concelleiro do BNG, Xesús Fernández Bouza, manifestou nesta mesma liña a súa preocupación pola “ausencia de ideas e de ambición” do equipo de goberno e a falta de vontade para acometer obras prioritarias para os nacionalistas como, por exemplo, o “saneamento integral das parroquias”.
Bouza tamén quixo lembrar que, do 6 % de investimento real recollido no Orzamento 2010, o 3,5 % correspóndese coa devolución dunha débeda contraída pola Xunta con gobernos municipais anteriores pola compra de solo no Polígono Industrial de Camba; unha débeda que cobra o actual goberno municipal, pero que non é mérito deles.
O PP só tivo en conta unha das sete propostas de investimento no Concello de Xove presentadas polo grupo municipal do BNG, correspondéndose esta co abastecemento de augas das parroquias de Lago, Morás, Portocelo, Xuances e Monte. Ademais, o Concello só achegará para esta obra 19.000 €, completando o seu financiamento a Deputación de Lugo e mais o Ministerio de Administración Públicas con outros 39.000 €. Os concelleiros do PP deron moitas explicacións, pero no seu relatorio non se viron máis ca tímidas escusas e boas intencións.
O portavoz do AVEXO lembrou presupostos anteriores con máis investimento real e cualificaron este orzamento de pouco ilusionante. O PSdeG criticou que teñamos o mesmo presuposto do ano pasado, pero a metade do investimento real.
BNG e PSdeG votaron en contra e AVEXO abstívose. Isto, co voto a favor do goberno en minoría do PP, provocou que se aprobara o Orzamento 2010.