Barreiros, 2 de febreiro de 2018. O Concello iniciou varias obras de arranxo de estradas en San Pedro, San Cosme e Vilamartín Grande. Os traballos, que deron comezo esta semana, suporán un investimento de 120.000 euros. O alcalde, Alfonso Fuente, anunciou tamén o inicio doutra fase en breve por importe de 60.000 euros máis. O rexedor barreirense visitaba nas últimas horas algunhas desas estradas.
O rexedor manifestou que “en Barreiros nesta semana iniciabamos traballos de reparación de distintas vías municipais, distintas pistas, tanto en San Pedro de Benquerencia como en San Cosme, hai algunha tamén en Vilamartín Grande, é dicir, en todo o municipio vanse reparar unha serie de estradas municipais”.
O alcalde explicou que “seguindo cun plan que xa iniciaramos hai aproximadamente un mes, que estivo parada a obra debido ao mal tempo, comezouse esta semana coa limpeza das cunetas e se na próxima semana mellora un pouco o tempo empezarase xa coa mellora deses regos así como as outras que van con aglomerado”.
Alfonso Fuente salientou que “entre esas melloras tamén está esta que nos reclamaban hai uns días que é o acceso ao campo de fútbol das Valgas, e que eu xa manifestaba que era unha estrada que estaba en obras e que cando mellorara o tempo remataríase esa obra”.
O rexedor de Barreiros subliñou que “o importe desta actuación vai superar os 120.000 euros, o que contradí evidentemente co que líamos estes días atrás do Bloque Nacionalista de Barreiros que dicía que o Concello só tiña unha partida de 55.000 euros no presuposto para arranxar vías, o cal era insuficiente. Estamos levando a cabo esta actuación, que xa vai ser dun importe bastante máis elevado, máis do dobre, e en breve imos facer outra actuación doutras vías que estamos preparando o proxecto por un importe de preto de 60.000 euros”.
Fuente Parga sinalou que “todos os veciños e veciñas estean tranquilos que se van seguir reparando estradas. Nós non queremos ofrecer esa imaxe catastrofista de Barreiros como queren algúns senón que, todo o contrario, seguimos traballando para mellorar as estradas, mellorar os alumeados, mellorar en definitiva, como digo sempre, a vida dos veciños de Barreiros”.