Castro de Rei, 23 de xaneiro de 2018.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, deu hoxe a benvida a Galicia aos socios do proxecto europeo EUFAR2 (European Facility for Airborne Research), que se reúnen esta semana en Lugo, baixo a coordinación do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA).
Este proxecto, financiado polo 7º Programa Cadro comunitario, aglutina a 24 institucións e compañías europeas (procedentes de Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Bélxica, Austria, Suíza, Polonia, República Checa, Israel e España) involucradas na investigación do medio ambiente, tanto atmosférico como terrestre ou mariño, a través do uso de aeronaves, co obxectivo de apoiar á comunidade científica de toda Europa, dándolle acceso a infraestruturas de investigación que, doutro xeito, serían inaccesibles nos seus países de orixe.
Argerey explicou ante uns corenta científicos e tecnólogos de prestixiosos institutos, universidades e asociacións de toda Europa a aposta da Xunta pola investigación e o desenvolvemento no sector aeroespacial e, máis concretamente, no campo dos vehículos non tripulados para usos civís, a través da Civil UAVs Initiative. Esta iniciativa, que ten o seu epicentro no aeródromo de Rozas, conleva un investimento total de 150 millóns de euros, e implica a un amplo conxunto de axentes: ministerios de Defensa e Economía, todos os departamentos da Xunta de Galicia, os socios tecnolóxicos Indra e Babcock e o tecido industrial e centros de coñecemento galegos.
A directora de GAIN apuntou que a Xunta e o INTA están a pór en marcha o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) co obxectivo de contar cun centro de referencia en I+D no ámbito das aeronaves non tripuladas, que poida prestar apoio aos proxectos que se están desenvolvendo no marco da iniciativa.
Con xornadas coma esta, Argerey destacou que se persegue pór en valor e optimizar as infraestruturas e equipamentos dispoñibles en Galicia, ao tempo que indicou que a Xunta está a promover un plan director, que prevé o desenvolvemento futuro das instalacións, e sinalou que proximamente se construirán os hangares dos socios tecnolóxicos, Indra e Babcock, neste entorno.
Por último, Argerey aclarou que, ademais do programa de I+D da iniciativa, no que os socios tecnolóxicos Indra e Babcock están a desenvolver 20 proxectos de investigación e desenvolvemento vinculados con dúas plataformas aéreas e unha mariña, a Xunta está licitando dez contratacións para mercar solucións tecnolóxicas para mellorar a eficacia na prestación de determinados servizos públicos a través do uso de UAVs (Vehículos Aéreos non Tripulados). Todo elo, co obxectivo de impulsar un cambio innovador desde a Administración, que contribúa a dinamizar os sectores industriais galegos a través da innovación, que mellore a prestación de servizos públicos en ámbitos estratéxicos para a Comunidade galega e que posicione a Galicia como un referente a nivel internacional nos usos e tecnoloxías dos UAVs.
O proxecto EUFAR
A asemblea xeral do proxecto EUFAR, que se está a celebrar esta semana en Lugo, ten como obxectivo discutir e elaborar unha estratexia futura que permita a consolidación da asociación EUFAR, nada en 2017, e a preparación dunha proposta de candidatura á convocatoria do programa comunitario Horizonte 2020 de Infraestruturas de Investigación Europeas de Comunidades Avanzadas, dedicadas ao apoio á investigación medioambiental e das Ciencias da Terra.
A directora de GAIN desexou moita sorte aos socios nesta candidatura e felicitounos polos resultados acadados ata agora polo proxecto. Entre as entidades representadas nas xornadas atópanse o Centro Nacional de Investigación Científica (CNRS, Francia); o Centro alemán da aviación e do espazo (DLR, Alemaña); o Consello Nacional de Investigación (Italia); a MetOffice (Reino Unido); a Oficina Nacional de Estudos e Investigacións Aeroespaciais (ONERA, Francia); e as universidades de Tel Aviv, Lipzig, Zurich, Edimburgo, Leeds, York ou Varsovia, entre outros.