Foz 23-1-18. O Grupo Municipal de Foz Plataforma de Futuro, Luís Alfonso Sixto Legaspi, Juan Luís González Riveiro e María Peña Rubiños Fernández a través do seu voceiro Luís Alfonso Sixto Legaspi presenta para o seu debate e aprobación no pleno deste Concello a seguinte moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Fai anos o leito da desembocadura do río Ouro en Fazouro foi cambiado, dende que se fixo esa modificación xa foi necesaria a limpeza da desembocadura do río nalgunha ocasión, sen embargo, xa fai anos que non se procedeu á súa limpeza. Son numerosos os veciños e veciñas de Fazouro que nos fixeron chegar queixas do estado da desembocadura nestes momentos, (axuntamos 2 fotos). Efectivamente podemos comprobar como de marea baixa a desembocadura do río nestes momentos está practicamente taponada na súa totalidade, quedando soamente un cano estreito de paso da auga. Entendemos necesaria esta actuación sobre todo pensando nas casas que hai río arriba e na propia limpeza natural do río Ouro.
Por todo o anteriormente exposto propoñemos á Corporación Municipal a aprobación do seguinte acordo:
-Instar Dirección Xeral de Costas a que proceda á limpeza da desembocadura do Río Ouro en Fazouro.