Cervo, 22 de xaneiro de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, visitaron a Unidade Residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, ubicada na zona da Bidueira, na Estrada de Sargadelos.
O rexedor e a concelleira reuníronse coa directora do Centro, María José Novoa, para coñecer a programación que teñen disposta para este ano; así como as necesidades, en canto a material e infraestruturas que presentan, xa que, tal e como apuntou Villares “a relación entre a dirección do centro e o Concello é moi fluida e estamos e permanente contacto para atender, na medida das nosas posibilidades as súas demandas; de feito -engadiu-, “cada ano dispoñemos dunha axuda nominal de 12.000 euros co obxectivo de contribuír a que poidan manter así a calidade do servizo que prestan tanto aos usuarios como ás familias; ademais de colaborar ao longo de todo o ano con eles, poñendo á súa disposición os medios humanos e materiais que requiren”. Neste senso, o centro vén de renovar boa parte do equipamento informático coa axuda que se lle brindou dende o Concello.
O rexedor aplaudiu o gran labor do centro e o impecable traballo do seu cadro de persoal dirixido a favorecer a integración deste colectivo na contorna comunitaria, dando apoio ás familias e prestando servizos de rehabilitación psicolóxica e social, a través dunha atención integral.
A Unidade Residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña conta con 25 prazas, das que 10 son concertadas, 5 con autorización de uso, 5 privadas; e outras 5 das chamadas de respiro.
O Centro abriu as súas portas no ano 2013; sendo o de Cervo, o único centro destas características da provincia de Lugo, e un dos catro que existen a día de hoxe en toda Galicia.