REFERENCIA
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Foz presenta a seguinte Moción pola que se solicita a constitución dunha Comisión de pleno do Plano de Ordenación do Litoral no Concello de Foz
EXPÓN
O Consello da Xunta de Galiza acordou na súa xuntanza do 8 de xaneiro de 2010 remitir aos diferentes Concellos, Deputacións e areas de carácter supramunicipal afectadas polo Plano de Ordenación do Litoral, copia do mesmo a fin de que elaboren un informe previo a aprobación definitiva do POL, que a Xunta sitúa en decembro do presente ano. Segundo o Goberno Galego, o documento xa rematado, será enviado para consulta dos Concellos ao longo do mes de Febreiro e Marzo na perspectiva de que as diferentes corporacións o analicen e presenten as suxestións que consideren oportunas de cara a súa introdución, naqueles casos que Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considere oportunas, no documento que será sometido a exposición pública.
O Plano de Ordenación do Litoral estuda un territorio de algo máis de 376.000 hectáreas, centrándose a xestión do plan nun ámbito de aproximadamente 212.164 hectáreas, o 7,2% da superficie da comunidade, o que implica un incremento de 131.501 hectáreas, respecto ás 86.663 hectáreas que abarcan os 500 metros que establecía a Lei 6/2007, de medidas urxentes. Xa que logo o POL afecta a 84 Concellos, dos que 47 corresponden á provincia da Coruña, 10 á de Lugo e 27 á de Pontevedra. No caso de Lugo xestionasen e clasificasen unha superficie de 25.531 hectáreas de solo, que significa o 2,59% da superficie total da provincia, correspondéndose con bolsas de chan situadas nos Concellos Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Vicedo, Trabada e O Valadouro.
O POL integra a paisaxe na ordenación territorial e urbanística establecendo tres niveis diferenciados: os grandes ámbitos de costa representativos, os sectores característicos dentro deses grandes ámbitos e a caracterización de unidades de paisaxe presente en cada un deses sectores. Respecto ao primeiro nivel, diferéncianse 7 grandes ámbitos: costa da Mariña Lucense, Rías Altas, Golfo Ártabro, Arco Bergantiñán, Costa da Morte, Rías Baixas e Costa Sur. Configurando estas 7 costas caracterízanse 35 sectores, tal e como ademais, establécense 428 unidades de paisaxe litorais. No caso da Mariña Lucense, os sectores costeiros que se delimitan correspóndense coa Ría de Ribadeo, A Mariña Oriental, Ría de Foz, Mariña Occidental, Costa de Xove, Ría de Viveiro e Ría do Barqueiro.
A efectos da ordenación territorial, o Plan do Litoral establece tres tipos distintos de áreas. A Área de protección na cal se inclúen ámbitos que, en atención ás súas características naturais singulares ligadas ao litoral, son merecedores dunha especial protección. Destaca a protección ambiental (elementos de valor en atención ás características naturais) e a protección de corredor (os ríos e a súa vexetación). A Área de Mellora Ambiental e Paisaxística, recolle o territorio comprendido entre a área costeira e os primeiros eixes do modelo de organización tradicional, comprendendo a paisaxe litoral próxima á costa. A Área de Ordenación, recolle os ámbitos de organización do modelo territorial en que se fai compatible o crecemento coa protección dos valores litorais. Recolle o territorio tras a fronte litoral no cal se atopan os asentamentos ligados visual ou funcionalmente ás paisaxes litorais.
O Bloque Nacionalista Galego diante da aprobación dun instrumento de ordenación territorial fundamental para un Concello costeiro como é o POL, que a máis polo seu carácter supramunicipal implica a transposición mecánica ao planeamento local, considera prioritario que por parte dos Gobernos locais se estuden en detalle as solucións propostas e se fagan participes da mesma aos diferentes actores que participan do urbanismo. Neste sentido reiteramos a necesidade de vontade política que pase por entender a elaboración do planeamento como un proxecto colectivo que garanta a participación dos particulares, que entenda o urbanismo como unha disciplina de carácter transversal que afecta ao conxunto das esferas locais e de xeito moi particular á calidade de vida, que sitúe o público e a defensa do interese xeral como principio rector da política, que desenvolva a ordenación do territorio facendo efectivo o reparto de cargas e beneficios, que non clasifica solo atendendo a criterios de mercado ou do parcelario senón en función do interese xeral e que dea resposta aos problemas centrais dos administrados.
SOLICITA
1º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita que o Pleno da Corporación acorde constituír unha Comisión non Permanente co obxecto de estudar a proposta de ordenación que o Plano de Ordenación do Litoral elaborado Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas establece para o noso Concello.
2º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita que o Pleno da Corporación estude as propostas de ditame elaborado pola Comisión á que se fai referencia no punto anterior e que, no suposto de que así o considere, eleve á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as suxestións correspondentes.