RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, cualifica de irresponsable á Xunta por non ter convocado xa as prazas dos Grumir que traballarán este ano nos concellos. O rexedor advirte unha vez máis que os contratos en vigor rematan este venres e os seguintes non serán unha realidade ata ben entrado o mes de marzo, si os prazos se axilizan ao máximo.
Suárez Barcia sinala que “estamos nunha situación preocupante e moi grave moitos concellos que temos aos Grumir como unha das poucas ferramentas de seguridade cidadá. Este venres rematan os contratos subvencionados pola Xunta desde hai moitos anos e esto non ten visos de continuidade de maneira inmediata. Ao non existir un parque comarcal de bombeiros en funcionamento e ao non ter garantido a continuidade deste grupo municipal de intervención rápida, a min como alcade de Ribadeo e no nome de todos os veciños deste concello de máis 10.000 habitantes paréceme unha grave irresponsabilidade por parte da Xunta o feito de que deixasen correr o tempo e que agora nos atopemos nesta situación”.
O rexedor asegura que “ata este ano todos os contratos eran por nove meses e sempre saía unha convocatoria do ano seguinte cando ainda non remataran os contratos laborais para ir axilizando os trámites administrativos. Este ano prodúcese o contrario, rematan o 15 de xaneiro os contratos laborais das 12 persoas que traballan neste servizo en Ribadeo e en principio temos boas palabras da Xunta de que se sacarán novamente, pero con moita sorte e cos prazos axilizados ao máximo ata ben entrado marzo esto non poderá ser unha realidade novamente”.
Fernando Suárez considera que “estaremos nun dos momentos do ano máis perigosos a nivel de nevaradas, de vento, de chuvias… hai que recordar que no 2009 por estas datas tivemos o ciclón Klaus e ben deitamos de forzas coma a do Grumir para axudar a tanta xente, para despexar as vías de comunicación, etc, etc. Paréceme unha irresponsabilidade que un concello coma o de Ribadeo de máis de 10.000 habitantes teña a súa seguridade en mans dun grupo de voluntarios, que por moi voluntariosos que sexan non teñen a obriga de estar dispoñibles as 24 horas do día como sí o están os Grumir, ao marxe de contar tamén coa policía local”.
O alcalde de Ribadeo engade que “a pesares das boas palabras da Xunta das últimas horas a raíz das críticas que fixemos varios alcaldes a realidade é teimuda, o venres esta xente queda sen contrato laboral e correspóndelle esta tarefa de seguridade e de protección civil á Xunta. Paréceme unha falta de previsión importante, que veu derivada primeiramente de reducir de 9 a 6 meses a duración dos contratos, e de non espabilar e non ter convocado estas prazas para que puidésemos ter unha continuidade xusto neste momento do ano máis perigoso en canto a posibles riscos potenciais para a poboación”.