A Mariña, 22 de decembro de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña reuníase onte para tratar a erradicación da avespa velutina na comarca. Os rexedores están de acordo en aplicar o plan piloto da Asociación Galega de Apicultores, pero con matices. En xaneiro celebrarase unha xornada informativa na Deputación Provincial de Lugo para seguir afondando neste asunto. Á cita acudirá algún experto de Euskadi para explicar a súa experiencia coa avespa velutina.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, anunciou que “estamos de acordo en levar para adiante un plan piloto aquí na Mariña, pero con matices”.
Llano engadiu que “agora imos intentar facer unha reunión para tratar este tema que imos procurar que sexa na Deputación, para invitar ás diferentes asociacións de apicultores que hai, aos apicultores que queiran asociados ou non, aos responsables dos concellos e tamén imos tratar de invitar a aquela xente que é moi experta xa no trato da velutina, e que está levando plans que están tendo bos resultados parece ser que en Euskadi. Imos traer unha persoa experta de alí para que nos explique a todos cales foron os seus métodos e para decidir como aplicar este plan aquí”.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “se van colocar trampas, e decidir cales son os sitios máis axeitados e como se vai seguir o proceso de análise para ter en conta os datos. Imos tratar, antes de tomar unha decisión firme, de ver a través desta xornada unha maior explicación e contraste de coñecementos para que despois dea un bo resultado na Mariña”.
Alfredo Llano asegurou que “imos facer esta xornada informativa o antes posible, no mes de xaneiro, porque isto se queremos poñelo en marcha ten que ser xa no mes de marzo. Contrastaremos as diferentes opinións e veremos cal é o mellor método para aplicar na Mariña”.