Ribadeo, 20 de decembro de 2017. No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo, aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións dos ARIS de Ribadeo e de Rinlo. No caso da vila é o 12º convenio de rehabilitación e en Rinlo o 5º. A partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia os propietarios de inmobles disporán dun mes para solicitar as axudas correspondentes.
O alcalde, Fernando Suárez, indicou que “neste pleno extraordinario, celebrado onte, basicamente aprobamos a orde de convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas que estean no conxunto histórico do casco vello de Ribadeo e no de Rinlo, no senso de desenvolver o décimo segundo convenio de rehabilitación que temos asinado o Concello coa Xunta e o Ministerio para o casco vello de Ribadeo, e o quinto para Rinlo”.
O rexedor explicou que “a partires da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia aqueles propietarios interesados poderán ter un mes de prazo para solicitar as axudas para a rehabilitación das súas vivendas. Suporán unha subvención máxima dun 35% do orzamento subvencionable cun límite de 11.000 euros e unha axuda complementaria do 10% tamén do gasto subvencionable cun límite de 4.000 euros”.
Suárez Barcia dixo que “o prazo para rematar estas obras e poder xustificar as subvención vai rematar a finais de novembro do ano que ven. Todo o mundo que queira a partires da publicación desta orde no BOP pode ir solicitándoas ou a partires de mañá mesmo poden achegarse á oficina de rehabilitación do Concello de Ribadeo para pedir máis información. A selección para outorgar estas axudas vai ser por criterios económicos, por mellora das condicións de habitabilidade e de accesibilidade das vivendas, tamén por condicións socioeconómicas e por medidas de aforro enerxético”.
O alcalde seguiu a relatar que “outro dos asuntos que onte se tratou no pleno, foi a aprobación inicial do proxecto de construción dun novo viario importante a modo de conexión entre a A-8, desde a rotonda de Vilaselán, para unir coa avenida Rafael Fernández Cardoso”.
Fernando Suárez subliñou que “foi aprobado por unanimidade, e quero destacar tamén o valor simbólico que iso ten porque somos dos poucos Concellos que ten plan xeral aprobado. Aprobado no mandato anterior tamén de xeito practicamente unánime, e máis aló das discrepancias que poidamos ter co resto de grupos en moitas outras cousas, no urbanismo estámonos levando todos ben, estámonos poñendo de acordo, e iso dálle unha potencia ao planeamento xeral de ordenación municipal moi grande. Sobre todo para articular este novos proxectos que están contemplados xa no plan xeral de ordenación municipal como é o caso, pero que queremos agora anticipar polo interese público”.
O rexedor lembrou que “desde a aprobación deste proxecto, e unha vez que sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia, abrirase un período de exposición pública para que os propietarios afectados dos terreos, máis os veciños en xeral, poidan velo e poidan facer cantas suxestións e alegacións estimen oportunas”.
Segundo Fernando Suárez trátase “dunha actuación que está contemplada no PXOM vixente do 2014, e que se ben é unha obriga dos propietarios deses polígonos urbanísticos que teñen que facer todo isto, no Concello queremos acometer de xeito anticipado motivado nun interese público, sen prexuízo de que ata o último euro de inversión que o Concello teña que facer aí lle sexa no seu momento retornado a través das xuntas de compensación cando se desenvolva o resto de polígono urbanístico dese entorno”.
Para o alcalde ribadense “será moi importante que a xente poida chegar tamén ao centro de Ribadeo desde a autovía tendo un novo acceso que non sexa unicamente o da Avenida da Ría de Ribadeo, a través da rotonda de Dompiñor, senón que a través tamén desta rotonda de Vilaselán, que non está ao cen por cen operativa como debera ser, e que si a través deste novo viario pode dar moita máis permeabilidade aos accesos a Ribadeo, e por iso o Concello de Ribadeo dunha maneira unánime quere levar adiante este proxecto canto antes”.