Burela 9-12-17. O Pescados Rubén Burela FS sumou 1 punto esta tarde en Vista Alegre ante un Software DELSOL Mengíbar serio, con poucos erros. Tras o descanso os mariñáns supliron ben a falta de profundidade da primeira parte transformando o 0-1 en 3-1 en tan só 36 segundos; roldaba o minuto 34. Perdoou en exceso o conxunto laranxa e os visitantes souberon reaccionar para agarrar o empate (3-3).
A Bomboneira presenciou unha primeira parte de tenteo, sen finalización por ambas as partes. O Mengíbar obtivo unha recompensa excesiva inaugurando o marcador no minuto 14 grazas a un penalti transformado por Miguelao, tras amoestación a Pope. Nesa acción, Álex desbaratara as máis perigosas dos de Javi Garrido, fronte a Toni e, no rexeite, ante José López.
Mantiveron a calma os de Juanma Marrube volvendo ao parqué con cambios na defensa; conseguiron así neutralizar as ocasións visitantes e dar un paso adiante en perigo, aínda que con resistencias. Ata superar, o ecuador da segunda parte intentárono sen éxito Luisma, Hélder, Kelson e Chus. Álex freou o que podía ser o segundo dos visitantes no 32, con Fran Peña ao pau e excelente resposta do 13 laranxa. Non deixaron de intentalo os mariñanos.
Buscaron e buscaron ata que chegou o minuto máxico; en tan só 36 segundos conseguiron darlle a volta ao luminoso. Renato materializou o empate, nun rexeite a tentativa de Chus, desde balón parado. Luisma foi o autor do 2-1, tras unha brillante galopada de Víctor, cunha perfecta serenidade nos metros finais para servirlla ao 6 burelista. Chus, ao bordo da área, anotou o terceiro para xúbilo de Vista Alegre. O Mengíbar non se foi do partido, en pouco tempo, no 35 conseguiu reducir nun disparo afastado de Ureña (3-2). A falta de pouco menos de 3 minutos, o largueiro evitou o cuarto laranxa nunha rápida saída de Renato que estrelou Chus. Perdoou o Pescados Rubén e os andaluces foron a polo partido con Lizana como porteiro-xogador. A falta de tan só 54 segundos, o Mengíbar anotou o empate, nas zapatillas Miguelao.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Álex, Víctor, Luisma, Chus, Colacha, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Kelson, Hélder, Renato
Software DELSOL Mengíbar: Manu, Ureña, Miguelao, José López, Toni, cinco inicial; tamén xogaron Fran Peña, Tortu, Lizana
Goles: 0-1, minuto 14, Miguelao; 1-1, minuto 33, Renato; 2-1, minuto 34, Luisma; 3-1, minuto 34, Chus; 3-2, minuto 35, Ureña; 3-3, minuto 40, Miguelao
Árbitros: Montero Galán // Navarro Rodríguez (Castela e León). Por Burela amarela a Pope, Chus, Renato, Pope. Por Mengíbar amarela a Tortu, Lizana, Ureña
Incidencias: Partido correspondente á xornada 13 de Segunda LNFS, disputado en Vista Alegre ante unhas 700 persoas. Campaña de recolleita de alimentos a favor de Cruz Vermella de Burela