Ribadeo, 23 de novembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que no incendio que onte arrasou 20 hectáreas de monte en Noceda, na parroquia de A Devesa, houbo momentos críticos debido ao forte vento reinante na zona, pero que as casas estiveron seguras. O rexedor pide que se investigue o acontecido xa que hai cinco anos que se declarou un lume na mesma zona.
Suárez Barcia dixo que “afortunadamente xa está superado este incendio que tivemos aquí en Ribadeo, en Noceda, na parroquia da Devesa, durante toda a tarde e parte da noite do día de onte. Afortunadamente sen ningún problema agora, pero houbo momentos críticos na tarde noite de onte porque a pesares de que houbo moitos medios, e teño que destacar a colaboración e a entrega de todos eles desde Protección Civil do Concello, a Policía Local, a Garda Civil, os medios que trouxo a Xunta e incluso o Parque Comarcal de Bombeiros, que tamén se achegou, entre todos intentamos controlar e demos conta dese incendio. Pero tamén axudou un factor moi importante que foi providencial, que foi a chuvia, aínda acompañada durante toda a tarde dese vento infernal, dese vendaval que houbo, que o que fixo mentres non chovía era azuzar e avivar máis o lume, que cando pensabamos que estaba controlado por un flanco desbocábase polo outro, e ao final foi dando conta dunha chea de hectáreas, 20 máis ou menos”.
O alcalde insistiu en que “afortunadamente non houbo ningún problema, as casas que hai alí en Noceda quedaron seguras sempre, pero a min o único que me chama a atención foi que onte estivemos nun punto no que eu mesmo estiven sofocando un lume hai cinco ou seis anos no mesmo sitio”.
O rexedor subliñou que “chama a atención que de 106 ou 108 quilómetros cadrados que ten o concello de Ribadeo que se produzan lumes cun intervalo de cinco ou seis anos no mesmo sitio máis ou menos. É algo que as autoridades competentes nisto, tanto da Xunta, como da Garda Civil ou de quen proceda, deberán estudar polo miúdo a posible orixe deste lume”.
Barcia engadiu: “só me resta felicitar ás forzas que estiveron traballando na extinción do lume porque todos deron o mellor de si, todos fixeron o mellor posible, coordinados e con todos os medios suficientes, que non foron poucos”.