Lisboa 22-11-17. A Xuventude de Galicia -Casa de Galicia- de Lisboa organiza, conxuntamente co Centro Portugués de Vigo fraternidade Galicia-Portugal e coa colaboración da asociación cultural “Ledicias” de Burela (Galicia) as Iª Xornadas de cultura, turismo e gastronomía nos días 24 e 25 de novembro en Lisboa.
A idea naceu con motivo do 90º aniversario do Centro Portugués de Vigo que tiña marcada unha axenda de
actividades conmemorativas destes 90 anos de existencia como núcleo da vida da comunidade portuguesa
na cidade galega de Vigo. Pero a actual xunta directiva, comocionada pola gran traxedia dos incendios
forestais que en xuño de 2017 queimaron o corazón de Portugal quixeron dar unha homenaxe ás vítimas e
unha oportunidade de ver renacer aos pobos destruídos pola traxedia.
Deste xeito, comezan a comunicarse con varias institucións e organizacións para avanzar na celebración de eventos de coñecemento mutuo entre galegos e portugueses, levando e achegando cultura, gastronomía e
turismo desde e aquén e alén do Miño. A idea foi avanzando e xa é nesta altura que celebran a primeira
destas xornadas de fraternidade levando a “Feira do Bonito de Burela” para a cidade de Lisboa, na rúa Julio Andrade Nº3, sede da Casa de Galicia, coñecida tamén como a Xuventude de Galicia en Lisboa.
A Xuventude de Galicia, ten a sua sede no que foi o palacio de Manuel Cordo Boulhosa, o fundador galego
de petroquímica “Galp”, e con esta acolle por primeira vez unha xornada que agrupará a cultura, o turismo e a gastronomía este fin de semana baixo un mesmo epígrafe. O venres a apertura será coa charla sobre os escritores galego-descendentes Alfredo Pedro Guisado e Fernando Assis Pacheco, por parte dos doutores Rosa Correa e Carlos Pazos. Nesta mesma sesión que comezará ás 19:00 horas tamén presentará o doutor Renato epitáfio, presidente do Movemento Internacional Lusófono, a revista de pensamento e cultura “Nova Águia”.
O sábado 25 a xornada comezara ás 12:00 na mesma Xuventude de Galicia a exaltación gastronómica do
Bonito de Burela; haberá bailes do grupo “Ledicias” e cantos dos grupos “Arracadas” e “Grileiras” todos
vindos desde a cidade de Burela, na comarca da Mariña. Neste día un grupo de cociñeiros e cociñeiras
vindos de Galicia traeran para a capital lisboeta o produto estrela da súa zona, o “bonito de Burela” que será servido nunha preparación chamada “marmitako” xunto as máis tradicionais empanadas e outras
preparacións. Na xornada haberá tamén sidra de mazás ecolóxicas, unha bebida típica do norte da
península Ibérica, de sabor refrescante e baixo contido alcohólico. As terras da Mariña de Lugo, son famosas por entre outras belezas paisaxísticas, as praias das Catedrais, unhas formacións das rochas que coa baixamar quedan ao descuberto similando como se na praia nacera unha catedral de pedra, sendo esta unha das paraxes mais visitadas de Galicia pola sua extraordinaria beleza e singularidade. É tamén terra de orixe da mais famosa e internacional das cerámicas feitas en Galicia: Sargadelos. Esta cerámica coñecida polo seu deseño que soube mezclar a vangarda coa tradición ten a sua fábrica no concello de Cervo. As rias do Barqueiro, a vila de Ribadeo e os numerosos restos da cultura castrexa e da época medieval son outras das múltiplas atraccións para ver na Mariña de Lugo.
O obxecto das xornadas é dar a coñecer rexións de turismo de un lado e outro da fronteira, tendo tamén
para Galicia os produtos típicos das distintas rexións de Portugal, para dar a coñecer as súas calidades no mercado galego, un mercado que por proximidade debería frecuentar máis os sabores de Portugal: aceites, queixos, froitas, legumes, carnes, … Neste sentido o Centro Portugués de Vigo xa avanzou coa rexión de Turismo Centro de Portugal a reciprocidade que levará próximamente a cultura, a gastronomía e o turismo do centro de Portugal e que se presentará nun tour por diferentes cidades galegas.
Dende o Centro Portugués de Vigo, pensan que a mellor forma de axudar aos lugares devastados pola
traxedia dos incendios é presentar no mellor dos sobres os produtos típicos, este é un sobre de Cultura e Turismo que marca a procedencia do produto e as súas virtudes. Estas accións, ademais de reforzar o coñecemento entre os pobos galego e portugués, actúan no sentido de activar a economía destas áreas, que hoxe teñen moitas delas un futuro incerto.
Outro dos traballos que están a presentar desde o Centro Portugués de Vigo é a sua expansión territorial por Galicia, xa que entenden que a dia de hoxe a fraternidade Galicia-Portugal deve transcender antigas barreiras, así é que xa están a falar, a raiz destas xornadas, con diversas xentes da comarca da Mariña para facer unha delegación do Centro Portugués que conte tamén con representación da ampla comunidade caboverdiana instalada desde xa mais de 40 anos en Burela.