Mondoñedo 13-11-17. A Rede do Patrimonio Cultural encherá Galicia de actividades en defensa do patrimonio
Con motivo do Día do Patrimonio Mundial que se celebra o vindeiro 16 de novembro, 29 entidades asociadas á esta rede organizarán máis de 40 actividades entre conferencias, andainas, concertos, e diversas actividades relacionadas co patrimonio. As accións realizaranse desde esta fin de semana e ao longo da seguinte.
Roteiros, visitas guiadas, conferencias, lectura de libros, concertos, xantares e actividades varias procurarán ao longo da vindeira semana concienciar aos galegos da importancia da conservación e promoción do patrimonio. Convocadas pola Rede do Patrimonio Cultural (RPC), un total de 29 entidades realizarán case 40 actividades para celebrar o Día do Patrimonio Mundial.
A UNESCO estableceu esa data no 16 de novembro, pero a RPC realizará actividades ao longo desta fin de semana e toda a que ven. Será a primeira vez que esta entidade contribúa á visibilización do patrimonio cultural galego e das entidades que o promoven, protexen e poñen en valor, ofrecendo un calendario conxunto de actividades do tecido patrimonial e cultural de Galicia. Ademais, a RPC propón empegar o cancelo #DiadoPatrimonio para as as comunicacións nas redes sociais relativas aos disintos eventos convoados.
Entre estas actividades salientan dez roteiros, 12 visitas guiadas, dous xantares populares, dúas charlas, unha xuntanza patrimonial, un programa de radio, un concerto, unha lectura de libros, unha proxección e unha publicación, entre outras.
Unha das actividades da Rede do Patrimonio será organizada en Mondoñedo pola asociación BATITALES coa colaboración do Cabildo da Catedral de Mondoñedo.
“TOQUES PARA SETE CAMPÁS”
O 16 de novembro, con inicio as 12h Concerto de toques de Campás na praza da Catedral de Mondoñedo (Patrimonio da Unesco), a cargo de Valentín Insua Palacios campaneiro da Catedral coa colaboración de sete campaneiros voluntarios.
Tocaránse as sete campás da torre esquerda de catedral mindoniense, as presentamos, cos seus diferentes nomes por orden de menor a maior diametro:
Nome tradicional – Nome inscrición – Nome bendición no 1868.
1- Agonía menor – Anepígrafa – Feliciana Aldeodata de Patrocinio.
2- Agonía mayor – Santa Bárbara – Fructuosa Bárbara de los Dolores.
3- Esquilón novo – Juan – Gonzala Juana de la Expectación.
4- Esquilón vello – sen inscrición-Martina de Jesús María y José.
5- Prima – Santiago e Rosendo – Jacoba María Concepción.
6- Ronda – María Rosenda – Ronda Rosenda María Natividad.
7- Paula – Santa Paula – Paula da Asunción.
mais información na páxina de facebook @batitales
A información, horarios, lugares e días das restantes actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal, onde tamén hai un mapa interactivo e os carteis con toda e cada unha das accións da RPC.
A Rede do Patrimonio Cultural
A Rede do Patrimonio Cultural botou a andar o día 3 de xuño de 2017 nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego no que se aprobou un documento avalado por 69 asociacións e entidades galegas relacionadas co patrimonio cultural.
A RPC entende o noso patrimonio cultural como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia e, polo tanto, un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións. Por iso, acolle a entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial. É un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.
Poden participar na RPC as asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural, xa que esta entidade é un instrumento para a visibilización das actividades e accións das entidades participantes alén dos seus círculos habituais de difusión.