Mondoñedo, 13 de novembro de 2017 .- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, está a participar dende onte domingo no II Fórum do Camiño de Santiago ‘Fairway’. O seu obxectivo é dar a coñecer os recursos turísticos que ofrece a localidade e buscar o posicionamento da cidade como final de etapa do Camiño Norte. A rexedora está a facer “un balance moi positivo” da participación no ‘Fairway’, onde comparte stand coa localidade de Trabada, sendo “moi necesaria” a participación de Mondoñedo neste evento que analiza o Camiño de Santiago no seu ámbito global “dado o potencial que ofrece a nosa cidade aos peregrinos”.
No II Fórum do Camiño de Santiago, que se está a celebrar no Palacio de Congresos e Exposicións na capital galega, tamén estiveron edís do Concello como é o tenente de alcalde, Miguel Ángel Otero Legide e o concelleiro de Educación, Alberto García. “Estamos a ter contacto con axencias, touroperadores xunto a outros actores do sector turístico, o que se converte nunha base fundamental para promocionar os nosos recursos e neste obxectivo atopámonos centrados”.
Neste eido, a alcaldesa de Mondoñedo destaca a importante plataforma comercial en que se converte o ‘Fairway’, con feira e congreso e cun ámbito internacional, sendo un punto de encontro necesario de oferta e demanda, para dar consistencia ao produto turístico xerado en torno ás rutas a Santiago de Compostela. Así, “estamos a dar a coñecer os nosos recursos da maneira máis gráfica posible, para que os peregrinos, o sector e as empresas vexan que en Mondoñedo, hai mil historias que vivir”.
A guía, en detalle
Elena Candia expón os recursos mindonienses a través dunha guía, na que se mostra que o peregrino durante o seu camiño pola ruta Norte que o leva a Compostela atopa na cidade, que tal e como dixo Álvaro Cunqueiro, é rica en pan, en augas e en latín; un amplo número de lugares de interese, tanto monumentos, como localizacións vinculadas a escritores e músicos como á artesanía. Ademais, de que disporá dos servizos necesarios e se lle ofrecerá ao visitante lugares para comer e para durmir. Todos estes recursos que ofrece a localidade ao peregrino, figuran na guía identificados nun plano detallado tanto do casco histórico como dos barrios dos Muíños e de San Lázaro.
Xunto á información sobre o casco histórico, con reseñas de espazos como o Centro de Interpretación do Camiño Norte, a Catedral Basílica da Asunción, a Fonte Vella ou o Centro Cultural da Alcántara, entre outros; na guía ten un especial protagonismo a Cova do Rei Cintolo, unha cavidade que destaca por ser a cova calcaria máis grande de Galicia con máis de 6.500 metros de lonxitude.
O Barrio dos Muíños tamén ten o seu espazo identificado dentro da guía, onde se localizan talleres que pretenden recuperar a tradición artesá do barrio; ao igual que sucede coas festas, que se suman ao atractivo que ofrece a localidade e que se celebran repartidas ao longo do ano, dende as que son as feiras máis antigas de Galicia, As San Lucas; ata os Remedios, As Quendas, o Mercado Medieval e a Rapa das Bestas.
A guía demostra que “Mondoñedo é festa, é Camiño, é historia, é patrimonio e é artesanía e natureza”. Ademais, o peregrino pode obter máis información ao detalle nas apps dispoñibles sobre Mondoñedo e das que dá conta a propia guía.
Proposta de unión entre as dúas catedrais do Camiño
Ademais dunha guía cos recursos cos que conta a localidade, Elena Candia neste escaparate, punto de encontro entre empresas, institucións e destinos; tamén presenta unha proposta centrada na posta en valor do potencial turístico e da unión entre as dúas catedrais do Camiño Norte, dende Mondoñedo a Santiago de Compostela.