No espiral do tempo a tradición segue marcando ciclos, celebrados con festas que tiveron unha orixe agraria. O Nadal é unha festa estacional de inverno. Iste tempo de neves pecha e abre o novo renacer. O ciclo, ese milagre que supón a vida-morte-vida, o paso obrigado polas catro estacións do ano, foi celebrado sempre con fitos que son festas: a Igrexa acolleo e protagonizou a significación destas mais antigas que comprenden de Noiteboa a Reis, o tempo de Nadal, tan cargado de senso relixioso, onde sobre todo se celebra o nacemento e a familia.. Ese sentir espallouse pola cristiandade e pecha e abre o ciclo anual do almanaque: Noiteboa, Nadal, Santos Inocentes, San Silvestre, Aninovo e Reis. Remata o ciclo coa festa dos Reis Magos, que volta a ser unha xornada de reunión familiar, de intercambio de regalos: o xantar e a cea convocará a todos arredor da mesa, será a despedida do tempo de Nadal. Existe a tradición de que pola noite chegan os Reis con agasallos. Acéndese a ilusión dos nenos e a Cabalgata protagoniza a noite máxica da chegada das Súas Maxestades. A primeira que se celebrou en Foz foi o ano 1959, hai 50 anos..Entón os Reis arribaron á nosa vila procedentes de Ribadeo; aquí non se contaba entón cos atavíos reais, e despois de percorrer as rúas ribadenses deprazáronse a Foz; saíron do garaxe de Transportes Galaicos e remataron a súa andaina no Bar Nautico, onde hoxe se atopa a cafetería dos xubilados. A parte musical do desfile correra a cargo da histórica Rondalla do Pallarego, aquel singular personaxe, barbeiro e músico, que hoxe da nome á Escola de Müsica mindoniense, e na que formaba, tocando o violín, un focense: Chicho de Botes, á sazón empleado do Banco da Coruña, na cidade episcopal.A novidade que a Cabalgata significaba espertou unha expectación que fixo que todo o pobo saíse á rúa para vivir tan ilusionante espectáculo, e as SS.MM., montando briosos corceles: os cabalos de Culata, Manuel de Rascabolsas e o Fero, foron seguidos por unha longa ringleira de rapaces e adultos, pechando a caravana a flota automovilística da vila, ben reducida entón. ..
Adeus Nadal … !