Ribadeo (Lugo), 11 de novembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron hoxe en Ribadeo nas xornadas “Á violencia de xénero…Dille NON!”, organizadas por Mulleres en Igualdade.
A Xunta aposta por seguir impulsando a sensibilización e prevención da violencia de xénero entre a sociedade, e moi en particular entre a mocidade. Os adolescentes constitúen un grupo especialmente vulnerable a este tipo de condutas, polo que a Administración autonómica está impulsando campañas para axudarlles a identificar este tipo de comportamentos e rexeitalos.
Ademais, o Goberno galego defendeu tamén a necesidade de continuar poñendo en valor o papel que xogan os veciños e veciñas que, en moitas ocasións, son a fonte máis próxima de axuda. Precisamente para promover a implicación da veciñanza nesta loita, a Administración autonómica asinou este ano un acordo de colaboración co Colexio Oficial de Administradores de Fincas (COAFGA) e da Asociación española de auditores socio-laborais (CEAL) para difundir uns 30.000 trípticos informativos en torno á prevención e detección de situacións de violencia de xénero