Santiago de Compostela 2-11-17. Este castro, situado no lugar de Punta do Castro, en Foz, posúe un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro que se sustenta en que é o único poboado costeiro escavado e musealizado na costa cantábrica galega e, neste senso, é un referente para o coñecemento e a difusión dos valores culturais da época castrexa. Aínda que nas súas proximidades existen outros castros similares, ben é certo que non co seu grao de coñecemento e posta en valor.
Por tanto, as escavacións que se realizaron permitiron obter moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes nesa época. Cómpre salientar o seu forte grao de romanización (ao tratarse de asentamentos cun alto nivel de ocupación entre os séculos I e II d. C., que amosan restos que os asocian a explotacións metalúrxicas e auríferas . Outro elemento característico é que para a súa construción de empregaron laxas de lousa, en contraste co granito usado na franxa atlántica.
A proposta de declaración BIC contou cos informes favorables da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo e dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Humanidades da USC), que aportaron propostas e recomendacións no que atinxe á súa área de protección.
Tal como establece a Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, o deber de conservación do Ben corresponde aos propietarios e titulares dos dereitos reais sobre o mesmo que, polo tanto, están obrigados a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.